O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu esta mañá a I Xornada das Bibliotecas da Provincia da Coruña, organizada pola Deputación. A deputada de Cultura, Natividade González, participou no acto de apertura e ofreceu a benvida institucional ás persoas asistentes, nun encontro que reuniu profesionais de toda a provincia para reflexionar, compartir e avanzar arredor da realidade bibliotecaria.
Na súa intervención, González subliñou que este encontro pioneiro naceu para «recoñecer ese esforzo, para darlle visibilidade e para crear un espazo de encontro onde compartir experiencias, desafíos e ilusións». Engadiu que o obxectivo é «fortalecer unha rede provincial que xa é sólida, pero que queremos seguir ampliando».
A deputada agradeceu «de corazón» a paixón polo oficio e a entrega diaria dos equipos bibliotecarios, aos que cualificou como «faros culturais, espazos de benvida e auténticos puntos de apoio para a cidadanía». Expresou un recoñecemento especial á Biblioteca Provincial, «que hoxe exerce de anfitrioa e motor desta iniciativa».
Destacou tamén a variedade de perspectivas presentes no programa, «desde a visión das bibliotecas municipais ata a reflexión sobre a creación literaria que xorde e se alimenta desde ela», co propósito de poñer en valor «a diversidade e riqueza do ecosistema bibliotecario da provincia».
A responsable de Cultura salientou a ollada cara ao futuro que propón a xornada, coa análise sobre os retos actuais da formación no ámbito da documentación. «Un futuro que xa está aquí e que afrontades con valentía, preparación e compromiso», afirmou. Referiuse tamén á mesa redonda que reunirá profesionais de diferentes concellos, un espazo no que «nos recoñecemos todas e todos: nos esforzos diarios, na creatividade para ofrecer servizos, na importancia da proximidade e na capacidade de xerar comunidade desde cada concello, grande ou pequeno».
González puxo en valor o traballo colaborativo previsto para esta xornada, convencida de que as mesas de traballo permitirán poñer en común «ideas, necesidades e propostas que serán de grande utilidade para seguir medrando como rede provincial sólida e colaborativa». A xornada concluirá cunha visita ao Pazo de Mariñán, que definiu como «unha maneira simbólica de conectar cultura, territorio e identidade».




