Saltar al contenido
>

Formoso destaca o papel de Ferrol Análisis como espazo de reflexión e “referente cultural en Galicia”

Formoso destaca o papel de Ferrol Análisis como espazo de reflexión e “referente cultural en Galicia”

O Museo da Construción Naval de Exponav acolleu este martes a presentación do número 36 da revista Ferrol Análisis, unha publicación de referencia na divulgación da historia, a cultura e o pensamento crítico vencellados a Ferrol e á súa comarca. No acto participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; e o poeta e editor Xulio López Valcárcel, que glosou a figura de Miguel Carlos Vidal, homenaxeado neste número e presente entre o público.

Durante a súa intervención, Valentín González Formoso salientou que chegar ao número 36 «é a confirmación dunha traxectoria sólida, sostida no tempo grazas ao compromiso colectivo, á pluralidade de voces e a unha clara concepción da cultura como servizo público». O presidente provincial destacou tamén que Ferrol Análisis «consolidouse como un espazo de reflexión e diálogo intelectual que transcende o ámbito local para situarse como referencia no panorama cultural galego».

Formoso subliñou o carácter especial deste número pola lembranza do xornalista e dinamizador cultural Rafael Permuy, falecido hai algo máis dun ano, a quen definiu como «unha persoa clave para tecer complicidades arredor da cultura». O presidente da Deputación puxo tamén en valor a homenaxe que a revista dedica a Miguel Carlos Vidal, ferrolán nado en 1929, avogado, poeta e activista cultural, fundador xunto con Tomás Barros da revista Aturuxo, que cualificou como «un espazo de liberdade creativa e resistencia intelectual nun tempo complexo».

O número 36 de Ferrol Análisis amplía a súa ollada a outras figuras fundamentais da historia e da cultura galega, como Pablo Iglesias Pose, fundador do PSOE e da UGT, lembrado no centenario do seu pasamento e no 175 aniversario do seu nacemento; Gonzalo Torrente Ballester, no 25 cabodano da súa morte; e Castelao, no 75 aniversario do seu pasamento. A publicación reúne un total de 36 artigos asinados por 43 colaboradores e colaboradoras, combinando voces consolidadas e autores novos, nun exercicio de pluralidade e relevo xeracional.

Valentín González Formoso expresou o seu recoñecemento ao Club de Prensa de Ferrol, ao equipo editorial e a todas as persoas colaboradoras que fan posible a revista, e lembrou que Ferrol Análisis se imprime desde hai anos na imprenta provincial «como mostra do compromiso da Deputación co apoio á cultura e á edición de calidade».

«O exemplo de Ferrol Análisis demostra que a cultura é unha ferramenta esencial para comprender o pasado, afrontar o presente e construír un futuro mellor», concluíu o presidente, que felicitou ao Club de Prensa de Ferrol polo novo número e desexou «longa vida a esta publicación de referencia».

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’