Saltar al contenido
>

Noxem e Tentáculo Rock son os grupos gañadores do concurso ‘Quero Cantar’ 2026

Noxem e Tentáculo Rock son os grupos gañadores do concurso ‘Quero Cantar’ 2026

Butacas completas este domingo 12 de abril no Teatro Colón da Coruña para asistir á explosión de talento musical infantil e xuvenil que pide espazo nos escenarios. Os asistentes gozaron dun excelente abano de creativas e orixinais propostas, atrás das cales están pequenos grandes artistas que a bo seguro veremos en poucos anos como algúns futuros rostros da música galega. Foi á vez unha oportunidade para ver a capacidade de nenas e nenos de ata 12 anos, na categoría infantil, e de mozas e mozos de entre 13 e 16 anos na categoría xuvenil, para crear música no noso idioma e contribuír á promoción e difusión da lingua galega.

Con gran profesionalidade malia as idades temperás, os seis grupos finalistas defenderon as súas propostas enriba das táboas, mais só dúas podían ocupar o lugar máis alto do podio en cadansúa categoría, e esas foron, segundo o sentir do xurado, as de Noxem e Tentáculo Rock, gañadoras respectivamente nas categorías infantil e xuvenil desta novena edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar. Un xurado que, como en cada edición, nesta gala final estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

E a decisión final foi a seguinte:

1º clasificado – Proposta gañadora na categoría infantil: Tentáculo Rock (Ames)
Canción: Vou a cento vinte
Foi na altura de 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño, en Ames, cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo). Como «TríoR» explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.
2º clasificado: O Mar dos Sentimentos, coa peza ‘Nada pode pararme’
3º clasificado: Libres, coa peza ‘Quero brillar coma ti’

1º clasificado – Proposta gañadora na categoría xuvenil: Noxem (Vigo)
Canción: Esperta
Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado. O grupo formouse no IES Alexandre Bóveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa «espertar» e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como «a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia».
2º clasificado: Tha Filez, coa peza ‘Rebelión’
3º clasificado: Son da Lúa, coa peza ‘O meu mozo virtual’

A responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, pediu un aplauso especial para as familias e para as mestras e mestres de música, por acompañar a paixón do alumnado na expresión do seu talento musical. Subliñou o compromiso da institución cun Concurso infantil e xuvenil que acada xa a súa novena edición e salientou o valor dun certame nacido co obxectivo de promocionar e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical. Prognosticou tamén unha magnífica próxima edición dun concurso que, xa consolidado, celebrará en 2027 o seu décimo aniversario, e convidou o público a acudir á Gala da Cultura que se celebrará a próxima semana.

Os premios para os gañadores son os seguintes:

1º clasificado na categoría infantil:
· Gravación da maqueta en estudio profesional.
· Gravación dun videoclip da canción gañadora
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

1º clasificado na categoría xuvenil:
· Gravación da maqueta en estudio profesional.
· Participación no programa formativo que se explica no anexo.
· Gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo.
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

2º clasificado en ambas as categorías:
· Gravación da maqueta en estudio profesional
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.000,00€

3º clasificado en ambas as categorías:
· Gravación da maqueta en estudio profesional
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 500,00€

Programa formativo

O Programa formativo Quero Cantar 2026 fai parte do premio que se outorga á proposta vencedora na categoría xuvenil da mesma edición do concurso e consta dos seguintes apartados:

• Titorización creativa: Titorización durante catro semanas, por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega, para o desenvolvemento dunha canción.
• Residencia: Este período previo de formación e desenvolvemento da canción culminará con tres días de convivencia nun espazo determinado pola Deputación entre a persoa ou persoas que compoñan a proposta seleccionada e a persoa encargada da titorización. Asistirase a un estudio profesional para a gravación do tema.
• Obradoiro «Kit de supervivencia para iniciarse no mundo da música»: Formación práctica de 6 horas de duración enfocada a aspectos básicos para o inicio dunha carreira no mundo da música como son a creación da identidade de grupo, maquetación, distribución e dereitos e aspectos a ter en conta de cara á procura dos primeiros concertos.

Máis información sobre os finalistas na categoría infantil

• Tentáculo Rock (Ames)
Canción: Vou a cento vinte
Foi na altura de 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño, en Ames, cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo). Como «TríoR» explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.

• O Mar dos Sentimentos (CEIP de Caión)
Canción: Nada pode pararme
Co alento do músico e docente Jose Carballido, esta escola demostrou ser unha vizosa canteira para o certame e ata case medio cento de nenos e nenas participaron no cásting previo do colexio para integrar o grupo, que finalmente conta com once integrantes. A canción compúxose especialmente para o proxecto de educación emocional que desenvolve o centro educativo e na súa mensaxe, «quere animar ao alumnado a reflexionar sobre as emocións, a confianza nun mesmo e a importancia de non renderse ante as dificultades».

• Libres (CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense)
Canción: Quero brillar coma ti
Libres xa conseguira acceder á final na edición anterior. É un grupo formado por alumnado de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense, que se xuntan na aula de música do profesor Anxo Fernández. Nesta ocasión traen a peza «Quero brillar coma ti», na que a lingua galega convértese «nunha persoa á que botas de menos, como alguén importante que non ves tanto como che gustaría». A través desta idea, o grupo quere transmitir cariño, alegría e tamén un pequeno toque de esperanza: a de volver atoparse, coidar e facer brillar o noso idioma.

Máis información sobre os finalistas na categoría xuvenil

• Noxem (Vigo)
Canción: Esperta
Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado. O grupo formouse no IES Alexandre Bóveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa «espertar» e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como «a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia».

• Tha Filez (Santiago de Compostela)
Canción: Rebelión
Comezaron tocando versións de clásicos e agora afondan na composición propia. Cualifican a peza proposta como grunge rock reivindicativo «no que mostramos un anaco da actualidade que nos está tocando vivir». «Falamos sobre o odio que moita xente usa constantemente como resposta a todo, sobre a falta de coñecemento histórico e xeral, sobre a aprobación dos medios cara a reximes xenocidas e xenófobos que están completamente en contra dos dereitos humanos… Nela, reclamamos un mundo con igualdade de condicións e dereitos, sexas migrante, muller, home, gai, musulmán, católico ou o que queira que sexas.».

• Son da Lúa (Cangas do Morrazo)
Canción: O meu mozo virtual
O grupo nace en 2025, no contexto do conservatorio de Cangas do Morrazo, onde un grupo de alumnos de 3º de Profesional: Paula Costa, Hugo Rial, Laura Alfonso e Martín Jaramillo. Como este último xa participara anteriormente no certame, xorde a idea de compoñer unha peza para esta edición. Ao longo do curso van pulindo o tema, e no segundo trimestre afondan na parte máis instrumental, sempre en equipo e en estreita colaboración.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

A Deputación da Coruña e a de Lugo colaboran co Consello da Cultura Galega para impulsar iniciativas culturais no rural

Máis de 300 voces á escena en Santiago para cantar a Manuel María no concerto ‘As rúas do vento ceibe’