A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 25 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina neste 2023 un total de 279.241,50 euros a financiar propostas de empresas e axentes do sector para a produción de proxectos singulares.
Entre estes proxectos financiados atópanse varios documentais, un festival de ópera e música de cámara, un teatro – foro, vídeos de animación, unha instalación itinerante de arte sonora, actividades divulgativas ou unha web serie. Todos eles abordan temas cun importante compoñente social, como a historia e o patrimonio, a igualdade, a diversidade, a arte ou a música, entre outros.
O obxectivo desta liña de axudas, que se vén convocando desde o ano 2018, é apoiar as propostas culturais en lingua galega que acheguen valor engadido de carácter social, artístico ou patrimonial, a través de temáticas variadas. A deputada de cultura, Natividad de Jesús González, celebra a variedade e cantidade de solicitudes presentadas, «que demostran a implicación e concienciación social do sector cultural galego, e por suposto o seu talento e creatividade».
A área de cultura da Deputación destaca a produción cultural privada galega como garantía da existencia dunha capacidade produtiva propia e viva. Tal e como se recolle nas bases desta convocatoria, esa singularidade resulta un valor engadido –en tanto singulariza a oferta- e un condicionante –porque carece de estruturas de apoio e implica condicionantes obxectivos no mercado cultural-. Por iso, a entidade provincial pon en marcha esta convocatoria específica de subvencións destinada a entidades lucrativas para o apoio ao desenvolvemento de proxectos singulares de especial interese cultural, que complementa as liñas de apoio a entidades non lucrativas que atenden este tipo de proxectos.
A relación de todos os proxectos aprobados, así como a resolución publicada no BOP, pode consultarse neste enlace.



