A Deputación da Coruña firmou un convenio de colaboración co Clúster Audiovisual Galego para o cofinanciamento do proxecto I+P Incuba. A deputada de cultura, Natividad González, foi a encargada de asinar o acordo, que inclúe un investimento de 30.000€ neste programa de incubación e mellora de proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento.
Apoio ao audiovisual galego
«Dende a área de cultura apostamos polo audiovisual galego como elemento clave na promoción da nosa cultura e historia, e tamén como xerador de emprego e riqueza» sinala a deputada. «O noso audiovisual vive, ademais, un momento de gran esplendor, con proxectos e profesionais de altísimo nivel. Hai talento, creatividade e emprendemento, e para esta institución é unha prioridade o acompañamento e apoio a este sector tan relevante para o país».
O Cluster Audiovisual Galego reúne a empresas tractoras da industria de contidos dixitais e audiovisuais en Galicia que participan en todos os procesos da cadea de valor da produción audiovisual. A súa actividade baséase na colaboración entre os axentes do sector para xerar valor engadido e así levar a cabo proxectos que convertan a Galicia nun referente da industria audiovisual.
Incubadora de proxectos audiovisuais
Un deses proxectos é I+P INCUBA, cofinanciado pola Deputación. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultoría.



