Saltar al contenido
>

A Deputación destina 3,1 M€ a axudas a entidades culturais no 2027

A Deputación destina 3,1 M€ a axudas a entidades culturais no 2027

  • O prazo de solicitude para acceder a calquera das cinco liñas de subvencións está aberto ata o 18 de decembro.
  • Poden presentarse tanto actividades como investimentos culturais a través da plataforma SUBTEL da Deputación.
  • A Coruña, 26 de novembro de 2026. A Deputación da Coruña destina un total de 3,1 M€ no exercicio 2027 ao financiamento de proxectos e melloras do tecido asociativo e cultural da provincia. Este investimento distribúese en cinco liñas de subvencións da área de Cultura que financian entre o 20% e o 80% do orzamento subvencionable de cada actuación, cun prazo de solicitude que permanece aberto ata as 14:00 horas do vindeiro venres 18 de decembro de 2026.

A deputada de Cultura, Natividade González, explica que este orzamento de 3,1 millóns de euros responde á vontade da Deputación de apoiar de maneira estable o tecido asociativo da provincia. Segundo indicou, “estas cinco liñas de axudas permiten que as entidades locais poidan planificar con garantías a súa programación anual e mellorar as súas infraestruturas e equipamentos, algo imprescindible para manter a actividade cultural en todos os concellos, especialmente nos máis pequenos”.

González puxo tamén o foco no papel das agrupacións de música e baile tradicional, das corais, das bandas e dos museos e fundacións da provincia, subliñando que “o traballo diario de base que realizan estas asociacións non só dinamiza a vida social das nosas vilas e parroquias, senón que resulta fundamental para garantir a transmisión do patrimonio cultural e o uso normal da lingua galega en todos os ámbitos”.

5 liñas de subvencións

A maior partida económica corresponde ao programa de organización de actividades por parte de entidades sen fins de lucro (FO203/2027), dotado con 1.200.000 euros. Esta liña concede axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para asociacións culturais, e de ata 10.000 euros para entidades veciñais, de tempo libre, pedagóxicas, sociais e asistenciais. Para complementar este apoio, o programa FO204/2027 achega outros 525.000 euros destinados a investimentos culturais —reformas de locais en propiedade ou cesión mínima de dez anos, mobiliario, equipos informáticos e material técnico—, con contías individuais que van dos 3.000 aos 15.000 euros e ás que tamén poden optar fundacións, entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e asociacións sectoriais.

No ámbito das institucións museísticas, bibliotecarias e de representación sectorial, o programa reserva 650.000 euros para financiar actividades culturais. As subvencións desta liña sitúanse entre un mínimo de 5.000 euros e un máximo de 30.000 euros, e están dirixidas tanto a fundacións públicas e privadas (non instrumentais) e titulares de museos, bibliotecas ou centros de interpretación como a asociacións de representación colectiva profesional e amadora da cultura galega.

O investimento provincial complétase con 725.000 euros repartidos en dúas convocatorias específicas para corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato (orquestras sinfónicas e de cámara con máis de 30 integrantes). Por unha banda, o programa FO213/2027 conta con 500.000 euros para actividades culturais e escolas de música, con axudas de entre 1.500 e 30.000 euros. Pola outra, o programa FO214/2027 dispón de 225.000 euros para investimentos destas agrupacións, como obras nos locais sociais, instrumentos, vestiario ou partituras, outorgando achegas de entre 1.500 e 15.000 euros.

As bases reguladoras completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 208 do 30 de outubro, e os extractos de convocatoria no BOP número 214 do 9 de novembro.

A tramitación das solicitudes realizarase exclusivamente por vía telemática mediante a plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

Compartir

Novas destacadas

A Deputación destina 3,1 M€ a axudas a entidades culturais no 2027

A Deputación presenta as Residencias Artísticas Mariñán 2027, que se celebrarán do 8 ao 19 de marzo

A escritora sevillana Xenia García gaña por unanimidade a XXXVIII edición do Premio Torrente Ballester en lingua castelá coa obra ‘Perder la cuenta’