---
title: "Deputación e Universidade de Salamanca promoven o estudo arqueolóxico de catro campamentos romanos na provincia da Coruña"
description: "O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca, José M. Costa, veñen de formalizar o acordo de colaboración entre ambas entidades..."
url: https://aculturaeundereito.gal/deputacion-e-universidade-de-salamanca-promoven-o-estudo-arqueoloxico-de-catro-campamentos-romanos-na-provincia-da-coruna/
date: 2023-04-24
modified: 2023-04-24
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/04/Convenio_Univ__Salamanca.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Deputación e Universidade de Salamanca promoven o estudo arqueolóxico de catro campamentos romanos na provincia da Coruña

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o profesor de arqueoloxía da Universidade de Salamanca, José M. Costa, veñen de formalizar o acordo de colaboración entre ambas entidades para poñer en marcha o proxecto “A chegada de Roma ao Finis Terrae”.

O proxecto contempla a investigación e divulgación de achados arqueolóxicos relacionados con catro campamentos romanos localizados na provincia da Coruña: O Cornado (Negreira), Santa Baia (A Laracha), A Cova do Mexadoiro (Trazo) e O Castrillón (Touro). Estes campamentos foron fortificacións temporais que o exército romano construía no transcurso das súas marchas, por motivos defensivos e tamén de disciplina interna, polo que eran recintos simples delimitados por fosos escavados no terreo, terrapléns e sebes. Por ser construídos rapidamente e ocupados durante un breve período de tempo, constitúen un tipo de xacementos arqueolóxicos de elevada fraxilidade e difíciles de identificar nas paisaxes actuais.

Tras a identificación dos catro campamentos mencionados na provincia da Coruña, o equipo de investigación dirixido polo profesor Xosé M. Costa cursou notificación á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que iniciase os pertinentes trámites administrativos para catalogar e protexer estes singulares —e case descoñecidos— elementos do Patrimonio Cultural galego. A partir deste trámite, e co ánimo de ampliar as informacións históricas que esconden os xacementos —que mostran evidencias dun aceptable estado de conservación— ponse en marcha o proxecto “A chegada de Roma ao Finis Terrae”, que inclúe o estudo arqueolóxico por medio de técnicas de teledetección non destrutivas e o deseño de iniciativas de divulgación e socialización da investigación con fins turísticos, culturais e educativos. Así, o proceso de exploración arqueolóxica, toma de mostras e documentación topográfica irá acompañado dun programa de divulgación de achados a través da web e dos perfís en redes sociais do equipo de investigación (www.romanamy.eu)
