---
title: "Deputación e Academia Galega do Audiovisual levarán as finalistas dos Mestre Mateo a concellos da Coruña"
description: "Esta mañá presentouse o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que nace da colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas, mediante a cal as finalistas dos Premios Mes..."
url: https://aculturaeundereito.gal/deputacion-e-academia-galega-do-audiovisual-levaran-as-finalistas-dos-mestre-mateo-a-concellos-da-coruna/
date: 2022-01-26
modified: 2022-01-26
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/01/MESTRE_MATEO_1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Deputación e Academia Galega do Audiovisual levarán as finalistas dos Mestre Mateo a concellos da Coruña

Esta mañá presentouse o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que nace da colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e as catro deputacións galegas, mediante a cal as finalistas dos Premios Mestre Mateo viaxarán a varios concellos galegos. Concretamente, na provincia da Coruña, viaxarán aos concellos de Arteixo, Ames, Boiro, Carballo e Narón.

Na Deputación da Coruña interviron Xurxo Couto, deputado de Cultura e Ana Míguez, da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual. O deputado de Cultura aproveitou para lembrar a política de apoio ao sector audiovisual por parte da Deputación da Coruña a través de diferentes liñas de axudas, como as axudas aos festivais audiovisuais, e de diferentes programas estables, como o programa Visións da Rede Cultural. Tamén fixo fincapé na colaboración estable entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual e asegurou que este ciclo “é un paso máis nesta colaboración que ten por obxectivo fundamental favorecer a difusión do audiovisual feito en Galicia, cunha promoción estable que chegue a novos públicos”.

Pola súa banda, Ana Míguez indicou que este ciclo nace para “potenciar o achegamento do cinema máis actual á cidadanía” e agradeceu a todas as administracións participantes a súa implicación, tanto deputacións como concellos. Explicou, ademais, que o Ciclo Mestre Mateo está intimamente ligado aos premios que lle dan nome: o programa darase a coñecer cando se anuncien as finalistas da presente edición e as proxeccións empezarán despois da gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 19 de marzo. Celebrarase de xeito simultáneo en todas as localidades cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto, e a entrada a estas será de balde. Toda a información sobre programación, horarios e salas estará dispoñible na web https://ciclomestremateo.gal.

Como parte integral do proxecto, a Academia Galega do Audiovisual proporcionará ferramentas específicas sobre produción e comunicación das proxeccións ás persoas encargadas da xestión desta iniciativa en cada concello e tamén se implicará a un grupo de persoas que se encargarán de coordinar a realización de cada proxección, e atender ás demandas das espectadoras e espectadores do ciclo.

De cara ao final do ano terá lugar un encontro das salas que forman parte do Ciclo Mestre Mateo para avaliar o primeiro ano de vida do proxecto e valorar achegas e propostas de mellora.
