---
title: "Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba para ofrecer na Coruña as ‘Noites na Cidade Vella’"
description: "Arquitectura e música de cámara serán protagonistas, do 4 de setembro ao 18 de outubro, da cuarta edición das 'Noites na Cidade Vella', o ciclo de concertos que organiza a Fundación Rogelio Groba co a..."
url: https://aculturaeundereito.gal/cultura-da-deputacion-volve-colaborar-coa-fundacion-rogelio-groba-para-ofrecer-na-coruna-as-noites-na-cidade-vella/
date: 2025-08-07
modified: 2025-08-07
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/08/apg_20250807_CASTRO_IV_NOITES_DA_CIDADE_VELLA_001-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Cultura da Deputación volve colaborar coa Fundación Rogelio Groba para ofrecer na Coruña as ‘Noites na Cidade Vella’

Arquitectura e música de cámara serán protagonistas, do 4 de setembro ao 18 de outubro, da cuarta edición das ‘Noites na Cidade Vella’, o ciclo de concertos que organiza a Fundación Rogelio Groba co apoio da Deputación da Coruña.

A programación presentouse esta mañá na casa do concello coruñés, nunha rolda de prensa na que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; Rogelio Groba Otero, director artístico do ciclo e presidente da Fundación Rogelio Groba e Gonzalo Castro, edil de Cultura do Concello da Coruña.

“Este ciclo”, sinalou González, “é un exemplo perfecto de como a colaboración entre institucións e entidades culturais pode dar lugar a iniciativas de gran valor”. “Agradecemos á Fundación”, engadiu, “o seu esforzo e a súa paixón por achegar a música a espazos tan emblemáticos, convertendo a nosa Cidade Vella nun escenario privilexiado”.

A deputada reafirmou “o compromiso da Deputación con este tipo de eventos; un compromiso que reflicte a nosa convicción de que a cultura debe ser accesible e estar presente en todos os nosos concellos”. “Noites na Cidade Vella”, rematou, “non só dinamiza a vida cultural, senón que tamén pon en valor o noso patrimonio e ofrece unha oportunidade única para gozar da música en directo nun ambiente máxico”.

**Os concertos**

Nesta edición, as ‘Noites na Cidade Vella’ ofrecerán estes once concertos, con entrada libre, en espazos patrimoniais e museos da zona histórica da Coruña:
• 4 de setembro, ás 20 horas, no Teatro Rosalía de Castro: Santiago Cañón-Valencia (cello).
• 11 de setembro, ás 2 horas, no Paraninfo do Reitorado da Maestranza: Marcos Díaz (guitarra).
• 13 de setembro, ás 20 horas, na Igrexa das capuchinas: Quartet Hana (cuarteto de corda).
• 18 de setembro, ás 20 horas, no Palacio de Capitanía: Dúo Mandala (dúo de violíns).
• 20 de setembro, ás 20 horas, na Igrexa de Santa Lucía: Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero.
• 26 de setembro, ás 19 horas, no Museo de Belas Artes: Jun Hyung Lee Lee (cello) e Karla Martínez (piano).
• 2 de outubro, ás 20 horas, en Afundación: Mariana Pjrevaskaya (piano).
• 4 de outubro, ás 20 horas, na Sala de exposicións do Concello da Coruña: Kevin Zhu (violín).
• 11 de outubro, ás 12 horas, no Museo Belas Artes: Dúo Índigo (piano). E ás 20 horas, na Fundación Luis Seoane: Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero.
• 18 de outubro, ás 21 horas, na Igrexa dos Dominicos: Cuarteto Casals (cuarteto de cordas).
