---
title: "Cultura da Deputación destina máis de 279.000€ a proxectos de especial relevancia social e cultural"
description: "A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 25 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina nes..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/cultura-da-deputacion-destina-mais-de-279-000e-a-proxectos-de-especial-relevancia-social-e-cultural/
date: 2023-11-17
modified: 2023-11-17
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/11/DepCor_hor_Negativo_fondo.png
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Cultura da Deputación destina máis de 279.000€ a proxectos de especial relevancia social e cultural

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 25 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina neste 2023 un total de 279.241,50 euros a financiar propostas de empresas e axentes do sector para a produción de proxectos singulares.

Entre estes proxectos financiados atópanse varios documentais, un festival de ópera e música de cámara, un teatro – foro, vídeos de animación, unha instalación itinerante de arte sonora, actividades divulgativas ou unha web serie. Todos eles abordan temas cun importante compoñente social, como a historia e o patrimonio, a igualdade, a diversidade, a arte ou a música, entre outros.

O obxectivo desta liña de axudas, que se vén convocando desde o ano 2018, é apoiar as propostas culturais en lingua galega que acheguen valor engadido de carácter social, artístico ou patrimonial, a través de temáticas variadas. A deputada de cultura, Natividad de Jesús González, celebra a variedade e cantidade de solicitudes presentadas, «que demostran a implicación e concienciación social do sector cultural galego, e por suposto o seu talento e creatividade».

A área de cultura da Deputación destaca a produción cultural privada galega como garantía da existencia dunha capacidade produtiva propia e viva. Tal e como se recolle nas bases desta convocatoria, esa singularidade resulta un valor engadido –en tanto singulariza a oferta- e un condicionante –porque carece de estruturas de apoio e implica condicionantes obxectivos no mercado cultural-. Por iso, a entidade provincial pon en marcha esta convocatoria específica de subvencións destinada a entidades lucrativas para o apoio ao desenvolvemento de proxectos singulares de especial interese cultural, que complementa as liñas de apoio a entidades non lucrativas que atenden este tipo de proxectos.

A relación de todos os proxectos aprobados, así como a resolución publicada no BOP, pode consultarse [neste enlace](https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/11/16/2023_0000009103.html).
