---
title: "Cultura da Deputación apoia este ano con 125.000 euros a distribución de filmes en galego"
description: "O departamento de Cultura da Deputación da Coruña destina este exercicio 125.000 euros para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia. O prazo de p..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/cultura-da-deputacion-apoia-este-ano-con-125-000-euros-a-distribucion-de-filmes-en-galego/
date: 2022-05-11
modified: 2022-05-11
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/05/Xurxo_Couto_.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Cultura da Deputación apoia este ano con 125.000 euros a distribución de filmes en galego

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña destina este exercicio 125.000 euros para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio e o importe máximo por beneficiario é de 30.000 €.

Esta liña de axudas contempla, por un lado, o apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego); e por outro, o apoio á distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) de contidos audiovisuais non galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas fóra de Galicia).

«O campo audiovisual», salienta o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, «é hoxe en día un ámbito estratéxico na creación de contidos culturais para calquera sociedade. A produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico». «Con esta convocatoria», engade, «a Deputación da Coruña non só se sitúa á fronte do apoio á distribución do cinema en galego, senón que ademais se atalla a anomalía que supón a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua».

En 2021 a Deputación achegou 96.352,67 euros para que oito filmes puidesen chegar ao público na provincia; entre eles, «A virxe roxa», de Marcos Nine; «Nación», de Margarita Ledo; ou «Negro púrpura», de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.
