---
title: "Comezan as actividades da 20ª edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa clase maxistral de Joan Fontcuberta "
description: "O fotógrafo, Premio Nacional de Fotografía, impartirá hoxe, 1 de outubro, unha clase maxistral no Centro Ágora da Coruña  . A programación continuará o día 5 coa entrega do recoñecemento a José Suárez..."
url: https://aculturaeundereito.gal/comezan-as-actividades-da-20a-edicion-do-premio-luis-ksado-coa-clase-maxistral-de-joan-fontcuberta/
date: 2026-10-02
modified: 2026-10-02
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/06/Default-post02.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# Comezan as actividades da 20ª edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa clase maxistral de Joan Fontcuberta 

- **O fotógrafo, Premio Nacional de Fotografía, impartirá hoxe, 1 de outubro, unha clase maxistral no Centro Ágora da Coruña** 
- **A programación continuará o día 5 coa entrega do recoñecemento a José Suárez como Fotógrafo Histórico e o día 6 coa clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto** 
- **O 7 e o 8 de outubro, o Museo do Pobo Galego acollerá a conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición, a exposición das obras premiadas e finalistas e o acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico** 
- **A Coruña,** **1** **de outubro de 2026. –** A 20ª edición do Premio ‘Luís Ksado’ de creación fotográfica da Deputación da Coruña comeza hoxe a súa programación cunha clase maxistral do fotógrafo Joan Fontcuberta, recoñecido co Premio Nacional de Fotografía. A sesión terá lugar no Centro Ágora da Coruña, de 16:30 a 20:00 horas. 

A programación continuará o vindeiro 6 de outubro, tamén no Centro Ágora e no mesmo horario, cunha clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto, igualmente galardoado co Premio Nacional de Fotografía. 

Ademais das dúas clases maxistrais, o programa desta 20ª edición inclúe diferentes actividades arredor da fotografía e da figura de José Suárez, recoñecido este ano como Fotógrafo Histórico. 

**Actividades no Museo do Pobo Galego** 

O 7 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego unha conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa serie *Aventados*, destacada polo seu traballo de gran coherencia narrativa e pola súa atmosfera evocadora que documenta con visión poética ás persoas no seu entorno rural. 

A continuación, ás 19:00 horas, inaugurarase a exposición das obras premiadas e finalistas da edición 2026: *Néboa*, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); *Terra negra*, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); *Terra de promesas*, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); *Latencia*, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e *La mente vaciada,* de Raquel López Pajares (Madrid). No acto participarán o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. 

O 8 de outubro, ás 19:00 horas, tamén no Auditorio do Museo do Pobo Galego, celebrarase o acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato. 

Toda a información sobre a programación do Premio ‘Luís Ksado’ pode consultarse na páxina web da Deputación da Coruña: [https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/](https://www.dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/).  
