---
title: "Carabela, Gloria Pavía e Cintaadhesiva, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf» de música"
description: "O xurado do Concurso Fran Pérez \"Narf\" para grupos e artistas musicais, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, deu a coñecer esta mañá as tres bandas finalistas da que é xa a 16ª edic..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/carabela-gloria-pavia-e-cintaadhesiva-finalistas-do-concurso-fran-perez-narf-de-musica/
date: 2024-09-12
modified: 2024-09-12
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/09/Narf_1.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# Carabela, Gloria Pavía e Cintaadhesiva, finalistas do Concurso Fran Pérez “Narf» de música

O xurado do Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, deu a coñecer esta mañá as tres bandas finalistas da que é xa a 16ª edición do certame: Carabela, Gloria Pavía e CintaAdhesiva optan aos premios, cuxa orde se decidirá na gala que se celebrará no Auditorio Afundación, de Santiago de Compostela, o sábado 19 de outubro.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado polo músico e xornalista Martiño Suárez; a cantante Faia Díaz; a xornalista musical Teresa Cuíñas; o músico, produtor e responsable da plataforma de distribución A Regueifa Noel Feáns, e o tamén xornalista musical Rodri Míguez. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.

O xurado salientou a escolla de tres propostas con protagonismo vocal feminino, «o que reflicte o rumbo actual da escena galega».

O Concurso Fran Pérez «Narf» de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez «Narf». No palmarés de gañadores do certame figuran bandas coma Caldo, Mounqup, Bala e Familia Caamagno, entre outras.

**Os finalistas**

**CARABELA.** Deles o xurado destacou que é «unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada». Esta banda noiesa, formada en 2021, dálle unha nova volta ao temón da cada vez máis natural confluencia entre as correntes do pop, a electrónica e a música tradicional.

**GLORIA PAVÍA E RAFA MORALES.** O xurado salientou desta proposta, que chega desde Santiago, a «utilización de elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora», na que tamén destacan o seu talento vocal, a orixinalidade e o minimalismo.

**CINTA ADHESIVA.** Formada pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, o xurado destacou a súa «proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras».
