---
title: "As XXI xornadas do ciclo ‘A Cultura é un dereito’ tratarán o acceso e inclusión nas actividades culturais"
description: "O departamento de Cultura da Deputación da Coruña vén de programar as XXI xornadas do seu ciclo 'A Cultura é un dereito'. Baixo o título 'Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades cultura..."
url: https://aculturaeundereito.gal/as-xxi-xornadas-do-ciclo-a-cultura-e-un-dereito-trataran-o-acceso-e-inclusion-nas-actividades-culturais/
date: 2025-10-09
modified: 2025-10-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/10/Programa-RRSS_Xornadas-Accesibilidade_Xeral_Instagram_1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# As XXI xornadas do ciclo ‘A Cultura é un dereito’ tratarán o acceso e inclusión nas actividades culturais

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña vén de programar as XXI xornadas do seu ciclo ‘A Cultura é un dereito’. Baixo o título ‘Cultura para todas: acceso e inclusión nas actividades culturais’, chegarán nesta ocasión, con idéntico programa, relatores e horarios, a tres localidades: Carballo (Pazo da Cultura, 23 de outubro), Santiago de Compostela (Centros Sociocultural das Fontiñas, 11 de novembro) e Betanzos (Salón Azul, 13 de novembro).

“A cultura é un dereito”, explican os programadores, “e como tal, precisa ser accesible para todas as persoas”. “Neste camiño”, engaden, “estanse a dar pasos importantes mais aínda insuficientes, en parte, debido ao descoñecemento sobre as barreiras que existen nos proxectos e espazos culturais, e das medidas de accesibilidade aplicables para reducir ou eliminar esas barreiras”.

Segundo o departamento de Cultura provincial, “téñense realizado faladoiros e xornadas arredor destes conceptos con enfoques principalmente teóricos, afastados da realidade do día a día do sector cultural e das posibilidades reais de aplicar medidas de accesibilidade”. “Por iso”, explican, “esta proposta vai dirixida a dar a coñecer dun xeito concreto, cun enfoque práctico e útil, esas medidas que podemos tomar para achegar a cultura a todas as persoas”.

**Os relatores**
As mesas formativas serán impartidas por tres profesionais con ampla experiencia na materia e na súa exposición en formacións:

- Aitana García. Técnica especialista en Accesibilidade Cognitiva e Sensorial na Federación Autismo Galicia. Licenciada en Pedagoxía e diplomada en Educación Social, con experiencia na xestión de proxectos de accesibilidade cognitiva e educación inclusiva. Ao longo da súa carreira, traballou no deseño de contornas, ferramentas e materiais que favorecen a autonomía e participación de persoas con diversas necesidades, especialmente no ámbito do autismo e a discapacidade.
- Fran Carreira. Arquitecto e usuario de cadeira de rodas, conta cunha visión técnica e vital da accesibilidade. Actualmente desempeña o seu labor como asesor voluntario en accesibilidade universal, colaborando con administracións e entidades para mellorar a inclusión nos espazos urbanos e edificados en Galicia.
- Rubén Capelán. Xestor cultural especializado en accesibilidade cultural, como consultor de accesibilidade e técnico de accesibilidade auditiva. Leva 15 anos vencellado á música e ao asociacionismo cultural. Como consultor en accesibilidade, ten prestado servizos en diversos eventos como o Festival Portamérica, Festival Noroeste, Festival Maré, entre outros. Ademais, ten coordinado e impartido xornadas sobre accesibilidade na cultura de forma presencial no Centro Ágora e de xeito virtual para a Plataforma Jazz España. Recentemente participou como relator nos faladoiros sobre cultura accesible dentro do Festival IKFEM de Tui-Valença.

**O programa**
O programas das xornadas é idénticos nas tres localidades, cos mesmo horarios:

- 16:00-16:30 Acreditacións e presentacións.
- 16:30-18:00 Mesas formativas:
- 18:00-18:30 Pausa café
- 18:30-20:00 Casos prácticos, exemplos de boas prácticas e consultas de proxectos do público asistente, e peche da xornada.

**Prazo de inscrición**

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas xornadas, que pode completarse, de balde, no formulario accesible na web ‘[A Cultura é un Dereito](https://aculturaeundereito.gal/?cID=17000)‘.
