---
title: "As actividades do Premio Luís Ksado comezarán en outubro e inclúen obradoiros con Chema Madoz e Sandra Balsells"
description: "En outubro comezarán as actividades paralelas do Premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, \"todo un festival de fotografía que traerá á Coruña fotógrafos de primeiro nivel e que reunirá..."
url: https://aculturaeundereito.gal/as-actividades-do-premio-luis-ksado-comezaran-en-outubro-e-incluen-obradoiros-con-chema-madoz-e-sandra-balsells/
date: 2024-07-31
modified: 2024-07-31
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/07/Actividades_Ksado.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# As actividades do Premio Luís Ksado comezarán en outubro e inclúen obradoiros con Chema Madoz e Sandra Balsells

En outubro comezarán as actividades paralelas do Premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, “todo un festival de fotografía que traerá á Coruña fotógrafos de primeiro nivel e que reunirá a verdadeiros referentes” afirma a deputada de cultura, Natividade González. Este “festival” inclúe a exposición das fotografías gañadoras e finalistas desta edición; a homenaxe ao fotógrafo histórico Luis Zamora, e os obradoiros impartidos por Chema Madoz e Sandra Balsells.

**Obradoiros con Chema Madoz e Sandra Balsells**
O centro Ágora da Coruña acollerá os obradoiros/masterclass de fotografía, de 16:30h a 20:00h: o día 8 de outubro, con Chema Madoz, Premio Nacional de Fotografía e, o día 9, con Sandra Balsells, Premio Ortega y Gasset El País.
Para participar nestes talleres, que son de balde, as persoas interesadas poden inscribirse desde mañá día 1 de agosto a través [deste enlace](https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeHCiq0Z6YpXgbTLwzLOXuupNGvA3DBNL4BsWQk1O_L76m6dw/viewform).

**Exposición no Museo do Pobo Galego**
Outra das actividades é a exposición das fotografías gañadoras e finalistas da última edición, do 2024, do premio Luís Ksado de Creación Fotográfica da Deputación. Esta exposición inaugurarase o día 2 de outubro ás 19h, cunha presentación previa, ás 18h, que inclúe unha conferencia e proxección de “Alén”, colección gañadora de Vicente Fraga no auditorio do Museo do Pobo Galego.

**Homenaxe ao fotógrafo histórico Luis Zamora**
Ademais, este ciclo inclúe unha homenaxe ao fotógrafo histórico Luis Zamora, “un fotógrafo cunha mirada auténtica que segue a iluminar cada imaxe que capturou”, sinala González. “O seu legado merece ser celebrado e por iso o recoñecemos como Fotógrafo histórico do 18º Premio Luís Ksado”. Así, o día 3 de outubro ás 12h no salón de plenos da Deputación celebrarse un acto institucional e, ás 19h, na Real Academia de Belas Artes, unha mesa redonda na que participarán a deputada de cultura, Natividade González; o comisario do premio Ksado, Xurxo Lobato; o fillo de Luis Zamora, José Luis Zamora, e o historiador da fotografía galega Manuel Sendón.

“O premio Luís Ksado é xa unha institución no mundo da artes visuais, é moito máis que un certame de fotografía xa que conta cunha programación específica que lle da continuidade no tempo pero tamén en calidade”, engadiu a deputada, “e as actividades que levaremos a cabo este ano son boa mostra diso, e tamén do compromiso da área de cultura da Deputación coa posta en valor do noso talento, cultura e patrimonio”.
