---
title: "Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa 2025 da Deputación na modalidade infantil coa obra “Bragakadabra”"
description: "A escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) é, con \"Bragakadabra\", a gañadora, na modalidade infantil, do XIX premio Raíña Lupa de LIX, convocado pola Deputación da Coruña e ao que este ano concorreron 49..."
url: https://aculturaeundereito.gal/antia-yanez-gana-o-premio-raina-lupa-2025-da-deputacion-na-modalidade-infantil-coa-obra-bragakadabra/
date: 2025-10-21
modified: 2025-10-21
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/10/WhatsApp_Image_2025-10-20_at_10.51.00.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa 2025 da Deputación na modalidade infantil coa obra “Bragakadabra”

A escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) é, con “Bragakadabra”, a gañadora, na modalidade infantil, do XIX premio Raíña Lupa de LIX, convocado pola Deputación da Coruña e ao que este ano concorreron 49 orixinais. O xurado declarou deserto o galardón na categoría xuvenil. O certame está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado integrado por Berta Dávila, Miguel Alonso Diz (representante da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Abel Tomé e as gañadoras do certame na anterior edición, Rosa Aneiros e Érica Esmorís. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña.

De “Bragakadabra”, o comité avaliador valorou, por unanimidade, “o humor, imaxinación, fantasía e tenrura con que a autora traballa a historia, unha narración fresca e chea de personalidade”. O xurado puxo tamén en valor “a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación e empoderamento”.

Yáñez entra no palmarés dun premio no que figuran, ademais de Érica Esmorís e Rosa Aneiros, Rafael Fernández Lorenzo, Lois Pérez, Andrea Maceiras, Xosé Antonio Neira Cruz, Valentín Alvite, An Alfaya, Marilar Aleixandre, Carlos Calveiro, Xesús Fraga e Agustín Fernández Paz, entre outros.

A deputada, Natividade González, salienta “a calidade de todas as propostas presentadas”, e tamén “do catálogo de obras premiadas no Raíña Lupa, que inclúe autores que despuntan a nivel estatal”. “É un orgullo para nós”, engadiu, “premiar o talento galego, consolidando un certame como este que xa é de referencia na literatura infantil e xuvenil”.
