---
title: "Ana Díaz presenta o seu jazz de raíces galegas no Maio Jazz 2022"
description: "O jazz de raíces galegas de Ana Díaz soará no Teatro Colón da Coruña o domingo 15 deste mes, ás 20 horas, na que será a segunda cita do Maio Jazz 2022, programado pola área de Cultura da Deputación. A..."
url: https://aculturaeundereito.gal/ana-diaz-presenta-o-seu-jazz-de-raices-galegas-no-maio-jazz-2022/
date: 2022-05-04
modified: 2022-05-04
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/05/Festival-JAZZ_AD-02.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# Ana Díaz presenta o seu jazz de raíces galegas no Maio Jazz 2022

O jazz de raíces galegas de Ana Díaz soará no Teatro Colón da Coruña o domingo 15 deste mes, ás 20 horas, na que será a segunda cita do Maio Jazz 2022, programado pola área de Cultura da Deputación. As entradas, de balde, para este concerto e para todos os do ciclo, xa se poden retirar na web do teatro.

A nova compositora e intérprete galega, a quen acompañará a guitarra de Diego Divito, presentará, na que vai ser a súa primeira actuación na súa terra, os temas do seu disco “Maloserá”, un traballo que reflicte a súa aposta por unha música que pretende situar Galiza no panorama do mundo globalizado. Por iso, os seus concertos se presentan como unha experiencia plurilingüe pero que non perde o sabor da terra. Desa fusión coa súa formación en jazz e soul nacen cancións contemporáneas e internacionais cun forte carácter persoal.

A música de Ana Díaz xira arredor de temas como o amor ou a desigualdade, debullados a través da súa experiencia persoal, sempre na procura da catarse do público, que poderá empatizar coas emocións da cantante recoñecendo nelas as propias.

O Maio Jazz 2022 arrancou o pasado 1 de maio co trío Sumrrá, que presentou o seu disco “7 visións” nun sentido recital. As seguintes citas do ciclo serán, tamén no Colón ás 20 horas, as de Xan Campos Trío, o 22 de maio, e da Orquestra Galega de Liberación, o 29 de maio.
