---
title: "‘Alén’, de Vicente Fraga Fernández, gaña o XVIII Premio Luís Ksado de fotografía"
description: "O pontevedrés Vicente Fraga Fernández é o gañador do XVIII Premio Luís Ksado de fotografía, que convoca a Deputación da Coruña. Fraga acada o galardón pola colección Alén , a mellor, para o xurado, da..."
url: https://aculturaeundereito.gal/alen-de-vicente-fraga-fernandez-gana-o-xviii-premio-luis-ksado-de-fotografia/
date: 2024-06-21
modified: 2024-06-21
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/06/KSADO_PREMIO_2024_29-scaled.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# ‘Alén’, de Vicente Fraga Fernández, gaña o XVIII Premio Luís Ksado de fotografía

O pontevedrés Vicente Fraga Fernández é o gañador do XVIII Premio Luís Ksado de fotografía, que convoca a Deputación da Coruña. Fraga acada o galardón pola colección *Alén*, a mellor, para o xurado, das 55 que se presentaron ao concurso, un dos de máis prestixio dos que se conceden en todo o estado. O comité avaliador concedeulle a Mención de honra á serie *Nordés*, do ourensán Miguel Muñiz.

A deputada de cultura, Natividade González, presidiu o xurado, formado por Pepe Baeza Gallur, María Sandra Balsells Cubells, Chema Madoz, Carmen Dalmau Bejarano e Juan María Rodríguez Caparrós. Actuou como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da institución provincial. Nas deliberacións tamén participaron, sen voto, Xurxo Lobato, comisario do certame, e Marcos Sánchez, coordinador dos premios que outorga a Deputación.

De *Alén*, o xurado valorou “a coherencia na poética da memoria e a deterioración do espazo das persoas arraigadas no seu medio”. Para o comité, Nordés ten o mérito “da captura poética dunha atmosfera e a coherencia dunha visión íntima dun lugar e dunhas xentes, onde as forzas elementais da natureza se transmiten con eficaz sinestesia: un documento vívido que máis que mostrar fai sentir”.

O xurado tamén seleccionou, ademais das premiadas, as seguintes coleccións para formar parte do catálogo e da exposición itinerante que o certame programa por cada edición en concellos da provincia: *Fin de la faena, A quen, El terremoto de Turquía e Usar y tirar. Perversa moda rápida.*
