---
title: "“A fotografía nas coleccións locais” protagoniza a vindeira xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación"
description: "Desde mañá, 26 de outubro, e ata o 10 de novembro estará aberto o prazo de inscrición para asistir ás xornadas \"A fotografía nas coleccións locais\", que se celebrarán no auditorio A Fábrica, do Concel..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-fotografia-nas-coleccions-locais-protagoniza-a-vindeira-xornada-a-cultura-e-un-dereito-da-deputacion/
date: 2022-10-25
modified: 2022-10-25
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/10/LOGOTIPO-COLOR-DEPT-V1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# “A fotografía nas coleccións locais” protagoniza a vindeira xornada ‘A Cultura é un Dereito’ da Deputación

Desde mañá, 26 de outubro, e ata o 10 de novembro estará aberto o prazo de inscrición para asistir ás xornadas «A fotografía nas coleccións locais», que se celebrarán no auditorio A Fábrica, do Concello de Oleiros, os días 11 e 12 do mes que vén. Trátase doutra das iniciativas de «A Cultura é un dereito», un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para a mellora social mediante a colaboración, desde a proximidade, cos diferentes axentes e actores culturais da sociedade galega.

A asistencia é de balde e o aforo limitado. Todas as intervencións, que contarán cun servizo de interpretación de lingua de signos, retransmitiranse en directo a través da canle de Youtube de Cultura Deputación da Coruña. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web: www.aculturaeundereito.gal. Emitirase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que asistan ao 75 por cento das xornadas.

«A xestión de coleccións fotográficas, presentes en practicamente todas as institucións», explica a comisaria das xornadas, Andrea Serodio Domínguez, «non sempre recibe a mellor atención por parte destas, especialmente as locais, sempre carentes dos medios materiais ou persoais que estas coleccións precisan». «Por iso», engade, «a conservación preventiva das coleccións é vital para adiar o máximo posible o deterioro e evitar a necesidade de abordar custosas restauracións. Iniciativas como estas xornadas, organizadas polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña axudan sen dúbida a facer máis fácil este importante labor».
