---
title: "A final do Premio Narf da Deputación terá lugar o vindeiro 24 de outubro nunha gala especial polo décimo aniversario do pasamento de Fran Pérez "
description: "A gala terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Commpostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e a entrada é libre . Os finalistas son Raposa, Sofía Espiñeira e Abril, e como banda convidada actuar..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-final-do-premio-narf-da-deputacion-tera-lugar-o-vindeiro-24-de-outubro-nunha-gala-especial-polo-decimo-aniversario-do-pasamento-de-fran-perez/
date: 2026-09-28
modified: 2026-09-28
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/cartel-galapremionarf-2026-1.jpg
categories: ["Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# A final do Premio Narf da Deputación terá lugar o vindeiro 24 de outubro nunha gala especial polo décimo aniversario do pasamento de Fran Pérez 

- **A gala terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Commpostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e a entrada é libre**.
- **Os finalistas son Raposa, Sofía Espiñeira e Abril, e como banda convidada actuarán Os Quinindiolas, que regresan para homenaxear o seu membro Fran Pérez no seu décimo cabodano** 
- **Rianxo, 25 de setembro de 2026. – **A gala do Premio Narf deste ano terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o vindeiro 24 de outubro ás 20 horas e lembrará de xeito especial o artista que lle dá nome, dado que este ano se cumpren dez anos do seu pasamento.  

A gala, que será con entrada libre por orde de chegada, acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas (Raposa, Sofía Espiñeira e Abril) e o xurado (formado polos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo, os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez) decidirá o gañador, que levará 4.000 euros, o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500.  

**Banda convidada** 

Durante a súa deliberación, os asistentes poderán disfrutar da actuación de Os Quinindiolas, a histórica banda de rock da que formou parte Fran Pérez, que se reúne de novo para homenaxealo no seu décimo cabodano. Eles son Xelís de Toro, Pepe Sendón e Marcos Teira, que recuperarán os temas máis emblemáticos dun grupo que estivo en activo de 1988 a 1992, pero que deixou unha fonda pegada na música galega coa súa aposta pola vangarda.  

A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará o artista Xavier Belho.  

**Bandas finalistas** 

As bandas que resultaron finalistas entre os máis de 30 candidatos que se presentaron ao XVIII Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais son:  

- **RAPOSA**: A banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa “proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica”.

![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/ZAT9868-1024x683.jpg)

- **SOFÍA ESPIÑEIRA**: Artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, ‘Xeografías’, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é “unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados”.

![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/FOTO-promo-1024x575.jpg)

- **ABRIL**: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como “dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada”.

![](https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/ABRIL-1-PORTADA-MEDRAR-©-Miguel-Mendez-Fotomatong-1024x1024.jpg)
