---
title: "A Deputación reparte case 300.000 euros no programa de subvencións para investimentos culturais do tecido asociativo"
description: "O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución da concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Programa FO204, para que as entidades sen fins de lucro realicen investimentos cu..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-reparte-case-300-000-euros-no-programa-de-subvencions-para-investimentos-culturais-do-tecido-asociativo/
date: 2024-06-26
modified: 2024-06-26
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2024/06/1717670709646.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación reparte case 300.000 euros no programa de subvencións para investimentos culturais do tecido asociativo

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a resolución da concesión definitiva das subvencións correspondentes ao Programa FO204, para que as entidades sen fins de lucro realicen investimentos culturais durante o ano 2024. A Deputación da Coruña repartirá 297.978 euros entre 90 asociacións, que recibirán achegas de entre 1.500 e 14.000 euros.

A deputada de Cultura, Natividade González, puxo en valor o programa, “pois inclúe a todo o tecido asociativo sen fins de lucro da provincia, desde as entidades culturais, ás de natureza veciñal, socioeducativa e mesmo social e asistencial”. “Grazas ao programa”, engadiu, “as asociacións poderán mellorar ou renovar os seus equipamentos e moblaxe, facer reformas nos seus locais ou mercar material de uso técnico e artístico para desenvolver os seus programas”.

González salientou tamén o labor que realizan a prol da cultura estas entidades, “ás máis delas con moitos anos de actividade continuada, unha gran base social e ferramentas de difusión e grande impacto social, que representan a todos os eidos da cultura, desde as artes escénicas ou musicais ás plásticas e audiovisuais, pasando polas que contan con grupos estables de persoas no campo dos patrimonios material ou inmaterial”.

A relación de beneficiarios pode consultarse ou descargarse no [BOP do 25 de xuño](https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/06/25/2024_0000004456.html).
