---
title: "A Deputación recupera a a Agustín Fernández Paz, con motivo do 15 aniversario do Premio Raíña Lupa"
description: "O xoves da vindeira semana, 17 de febreiro, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxeará a traxectoria de Agustín Fernández Paz nun acto aberto ao público que terá lugar na Sala Juanjo Gallo..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-recupera-a-a-agustin-fernandez-paz-con-motivo-do-15-aniversario-do-premio-raina-lupa/
date: 2022-02-09
modified: 2022-02-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/02/Convite_homenaxe_Agustin.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación recupera a a Agustín Fernández Paz, con motivo do 15 aniversario do Premio Raíña Lupa

O xoves da vindeira semana, 17 de febreiro, a área de Cultura da Deputación da Coruña homenaxeará a traxectoria de Agustín Fernández Paz nun acto aberto ao público que terá lugar na Sala Juanjo Gallo (6º andar da sede provincial) ás 19h. Deste xeito, recupérase o acto que tivera que ser suspendido o pasado mes de decembro –por motivos de saúde de dúas das persoas participantes-, e que tiña por obxectivo poñer en valor a obra do escritor que resultara gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil – Agustín Fernández Paz resultara gañador en 1998 coa obra ‘Cos pés no aire’-.

Neste acto de homenaxe, que estará encabezado polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, participarán destacadas representantes da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Eva Mejuto, e a tradutora Isabel Soto. A actuación musical correrá a cargo de Su Garrido. Tamén convén lembrar a colaboración do ilustrador Miguelanxo Prado que realizou unha imaxe específica para esta homenaxe, partindo dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor.

Tamén no acto do xoves 17 de febreiro se presentará o caderno-homenaxe que recolle relatos breves de algúns dos autores e autoras gañadores do Raíña Lupa e que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres. As persoas asistentes á homenaxe serán agasalladas tanto co caderno de relatos como cun marcapáxinas coa imaxe creada por Miguelanxo Prado.
