---
title: "A Deputación recoñece a figura de José Suárez co premio honorífico de Fotógrafo Histórico"
description: "O salón de plenos da Deputación acolleu esta mañá o acto oficial, no que participou a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-reconece-a-figura-de-jose-suarez-co-premio-honorifico-de-fotografo-historico/
date: 2026-10-05
modified: 2026-10-05
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/IMG_7759-1.jpg
categories: ["Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación recoñece a figura de José Suárez co premio honorífico de Fotógrafo Histórico

- **O salón de plenos da Deputación acolleu esta mañá o acto oficial, no que participou a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato e o fotógrafo Manuel Sendón**
- **Trátase dunha das actividades paralelas do premio Luís Ksado de creación fotográfica, que continuarán mañá no Centro Ágora da Coruña coa clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto**
- **A Coruña, 5 de outubro de 2026.** O Salón de Plenos da Deputación acolleu hoxe o acto de entrega do premio honorífico de Fotógrafo Histórico a José Suárez, no que participaron a deputada de cultura, Natividade González; a deputada provincial Avia Veira; o sobriño do homenaxeado, José Alberto García Suárez; o comisario do premio, Xurxo Lobato e o fotógrafo Manuel Sendón.

Este recoñecemento continuará o 8 de outubro no Museo do Pobo Galego, onde, ás 19:00 horas, se celebrará o homenaxe a José Suárez, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato. Ademais, a área de cultura da Deputación tamén editou unha publicación sobre a súa obra.

Durante o acto, a deputada de cultura puxo en valor a “mirada” de José Suárez: “Mirar significa escoller, onde deterse, que merece ser contado, que persoas e que realidades queremos deixar para o futuro. E José Suárez soubo mirar Galicia. Mirou o mar, os mariñeiros, os traballos e os oficios. Mirou as mans, os rostros, a dureza da vida cotiá, pero tamén a dignidade das persoas. E fíxoo cunha fotografía dunha enorme forza estética, pero tamén profundamente humana”.

“A súa traxectoria levouno lonxe de Galicia”, sinalou González, “pero continuou estando presente na súa obra e na súa maneira de entender o mundo”. Neste sentido, afirmou que este recoñecemento “ten tamén algo de regreso. É unha maneira de traer de novo a José Suárez á casa e de reivindicar o lugar que lle corresponde na historia da nosa fotografía e da nosa cultura”. A deputada expresou que o premio Luís Ksado, ademais de recoñecer a creación fotográfica actual, debe servir para “construír memoria”, e este ano “facémolo cun fotógrafo extraordinario, cun home que fixo da fotografía unha maneira de contar Galicia ao mundo que nos permite conservar unha parte do que fomos”.

**Actividades do Premio Luís Ksado**

Ademais da programación arredor da fotografía e da figura de José Suárez, recoñecido este ano como Fotógrafo Histórico, a programación paralela desta 20ª edición do Premio Luís Ksado de creación fotográfica convocado pola Deputación da Coruña, inclúe outras actividades: mañá, 6 de outubro, ás 16:30h no Centro Ágora, haberá unha clase maxistral de Juan Manuel Castro Prieto, galardoado co Premio Nacional de Fotografía.

E, o 7 de outubro, ás 18:00 horas, terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego unha conferencia de Miguel Muñiz, gañador desta edición do Premio ‘Luís Ksado’ coa serie *Aventados*. A continuación, ás 19:00 horas, inaugurarase a exposición das obras premiadas e finalistas da edición 2026 – Néboa, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); Terra negra, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); Terra de promesas, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); Latencia, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e La mente vaciada, de Raquel López Pajares (Madrid) – nun acto no que participarán o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González.
