---
title: "A Deputación presenta o documental “Cantiga de amiga” sobre a homosexualidade feminina na Idade Media "
description: "A peza, con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón, e realizado por Nós TV, estrearase o 24 de outubro ás 12h na canle de YouTube da Deputación e en Nós TV  . A deputada de igualdade, S..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-presenta-o-documental-cantiga-de-amiga-sobre-a-homosexualidade-feminina-na-idade-media/
date: 2026-10-20
modified: 2026-10-20
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/G23Q8766-1.jpg
categories: ["Cultura", "Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación presenta o documental “Cantiga de amiga” sobre a homosexualidade feminina na Idade Media 

- **A peza, con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón, e realizado por Nós TV, estrearase o 24 de outubro ás 12h na canle de YouTube da Deputación e en Nós TV** 
- **A deputada de igualdade, Sol Agra, presentou o proxecto acompañada da produtora executiva de Nós TV, Rosabel Candal e Carlos Callón** 
- **A Coruña, 20 de outubro de 2026.** A Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación de ‘Cantiga de Amiga’, un proxecto da área de igualdade da Deputación, realizado por Nós TV e con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón. Este documental estrearase o 24 de outubro ás 12h, no YouTube da Deputación da Coruña e de Nós Televisión. Tamén estará dispoñible na canle 9 de Nós TV e en Movisar+. 

A deputada de Igualdade destacou a importancia de recuperar e dar a coñecer historias que quedaron fóra do relato histórico. «Queremos saber que foi desas historias de mulleres lesbianas na Idade Media a través das cantigas de amiga nas que se falaba de amor entre dúas mulleres», explicou. Agra subliñou que o documental contribúe a sacar á luz realidades historicamente invisibilizadas. «Estas historias quedaron silenciadas, pero estas realidades existiron sempre», afirmou. Neste sentido, vinculou a recuperación da memoria histórica coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+: «Neste momento no que se cuestionan os dereitos do colectivo LGTBI+, queremos lembrar que non pode dar un paso atrás na súa conquista». 

A deputada salientou tamén o valor da investigación que sustenta a peza, que permitirá achegar ao público unha importante descuberta histórica e afondar no coñecemento das experiencias e relacións afectivas entre mulleres na Galicia medieval. 

Pola súa banda, Carlos Callón agradeceu á Deputación da Coruña o seu compromiso coa recuperación e divulgación da memoria histórica e da diversidade sexual. «Grazas á Deputación, que está realizando un traballo moi útil non só para a provincia, senón para o país», sinalou. O investigador puxo o foco na necesidade de combater o silenciamento destas historias e de recuperar os nomes e as pegadas das mulleres que formaron parte da historia galega. O documental nace precisamente da vontade de rescatar esas voces do esquecemento e de contribuír a unha visión máis completa da sociedade medieval, incorporando realidades que durante séculos permaneceron á marxe dos relatos dominantes. 

**Sinopse** 

‘Cantiga de amiga’ é un documental para paliar a falta de coñecemento que hai sobre a homosexualidade feminina en Galiza na Idade Media. Pon luz sobre a historia de Sancha Pérez e María Leve, que viviron en Compostela no século XIII, e que constitúen o único caso en toda a Europa en que se nos legou o nome dun casal lésbico, e mesmo a rúa en que moraron. Tamén conserva unha cantiga “de amigo” en que unha muller fala do despeito por outra muller, polo que o máis correcto sería chamala “cantiga de amiga” (e de aí a orixe do título  deste documental). E de sinalar son tamén varios cantares en que se fai referencia a relacións entre soldadeiras, e entre eses versos chaman a atención aqueles que están protagonizados dun xeito moi explícito por outra muller lésbica galega, que tamén coñecemos polo seu nome: María Mateu. Perdemos os seus rostros e moita da información das súas vidas, mais cos datos que temos podemos evocar as voces destas mulleres. 

**Ficha técnica** 

Este filme documental foi elaborado por Nós Televisión e producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, con idea orixinal de Carlos Callón, baseado no libro ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais).  

- Produción executiva – Rosabel Candal e Diego Frey 
- Guión – Carlos Callón e Diego Frey  
- Produción – Rosabel Candal 
- Dirección – Martín Rodríguez 
- Realización e montaxe – Martín Rodríguez 
- Fotografía – Pio Cribeiro e Roi Barros 
- Son e dron – Pio Cribeiro 
- Música orixinal – ‘Moeda Vella’, de Luís Álvarez, con voz de Natalia Otero. 
- Creatividades – Roi Barros 
- Entrevistadas – Carme Adán, Daniela Ferrández, Uxía Gestoso, Teresa Moure, Isabel Morán 
