---
title: "A Deputación presenta o ciclo Tándem, unha programación que conecta a creación musical galega con propostas de vangarda da Península "
description: "O ciclo levará ao Teatro Colón en outubro catro concertos con artistas como Niño de Elche, Mercedes Peón, Clara Peya, Chicharrón ou A Pedreira  . As entradas poden retirarse a través de ataquilla.gal..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-presenta-o-ciclo-tandem-unha-programacion-que-conecta-a-creacion-musical-galega-con-propostas-de-vangarda-da-peninsula/
date: 2026-09-30
modified: 2026-09-30
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/G23Q4988.jpg
categories: ["Cultura", "Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación presenta o ciclo Tándem, unha programación que conecta a creación musical galega con propostas de vangarda da Península 

- **O ciclo levará ao Teatro Colón en outubro catro concertos con artistas como Niño de Elche, Mercedes Peón, Clara Peya, Chicharrón ou A Pedreira** 
- **As entradas poden retirarse a través de ataquilla.gal** 
- **A Coruña****,** **30** **de setembro de 2026. –** Artistas e formacións galegas e creadoras e grupos de referencia doutras partes da Península daranse cita en cantro encontros musicais na Coruña dentro do Ciclo Tándem, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. A presentación do ciclo tivo lugar esta mañá no Teatro Colón, que acollerá os concertos do ciclo, e nela participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e as artistas Ugia Pedreira e María José Pámpano, de Gallaecia Ensemble Barroco. 

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que “Tándem nace coa vontade de xerar encontros entre creadoras, linguaxes e territorios diferentes”. Sinalou que, desde as administracións públicas, “podemos e debemos asumir riscos para ofrecer propostas como esta, innovadoras e que están fora dos circuitos convencionais”. Neste sentido, González puxo o foco no “valor da creación galega” e, sobre todo, “na súa capacidade para dialogar con outras escenas da Península” e pola “capacidade creativa e experimental das artistas do noso país”. 

**Programación** 

O ciclo comezará o 3 de outubro con Niño de Elche nunha proposta que leva a súa afrenta contra as ortodoxias ao terreo medieval. Apoiado pola Gallaecia Ensemble Barroco, ofrecerá unha viaxe de emocións fortes que promete converterse nun momento histórico. 

O 4 de outubro será a quenda de Chicharrón e Sara Zozaya, nun encontro entre a intensidade pop atlántica da formación galega e o pop ambient da artista vasca. 

O programa continuará o 18 de outubro con Mercedes Peón e a catalá Clara Peya, dúas creadoras que cruzarán os seus particulares universos musicais nunha proposta que combina tradición, experimentación e novas linguaxes, borrando a procedencia xeográfica de ambas polo camiño. 

O ciclo pecharase o 25 de outubro coa pulsión experimental de A Pedreira e un dos grupos máis relevantes do pop portugués dos últimos anos, Beautify Junkyards. Neste cruce de camiños, A Pedreira representará a verbalización da condición lusófona da música galega.  

As entradas poden retirarse na páxina web ataquilla.gal  
