---
title: "A Deputación presenta en Ferrol o libro ‘Cancións para o ano’, da escritora e docente Ánxela Loureiro "
description: "O acto contou coa participación da deputada provincial Cristina García Rey, e coa actuación musical do grupo Saraibas.  . A Coruña, 13 de novembro de 2026 . A Deputación da Coruña presentou este venre..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-presenta-en-ferrol-o-libro-cancions-para-o-ano-da-escritora-e-docente-anxela-loureiro/
date: 2026-11-16
modified: 2026-11-16
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/11/IMG_8873.jpeg
categories: ["Cultura", "Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación presenta en Ferrol o libro ‘Cancións para o ano’, da escritora e docente Ánxela Loureiro 

- **O acto contou coa participación da deputada provincial Cristina García Rey, e coa actuación musical do grupo Saraibas.** 

- **A Coruña, 13 de novembro de 2026**. A Deputación da Coruña presentou este venres no salón de actos do campus de Esteiro, en Ferrol, o libro *Cancións para o ano*, unha obra escrita pola profesora e autora Ánxela Loureiro. O evento, organizado pola área de Normalización Lingüística do ente provincial coa colaboración da Universidade da Coruña, contou coa intervención da deputada Cristina García Rey e cunha destacada actuación musical a cargo do grupo de música tradicional Saraibas, que se reuniu expresamente para interpretar varios dos seus temas máis coñecidos. 

Durante a súa intervención, Cristina García Rey subliñou o compromiso da institución provincial na “loita contra a actual situación de emerxencia lingüística”, incidindo na necesidade de que “as administracións públicas traballemos para garantir os dereitos lingüísticos e erradicar prexuízos, especialmente entre a mocidade”. A deputada destacou que esta publicación vai directa ao corazón do reto que afronta o profesorado á hora de conectar coas novas xeracións e espertar nelas “o orgullo polo idioma”, convertendo o ensino nun espazo lúdico onde a lingua e a música de raíz se aprenden cantando e xogando. 

O volume constitúe unha reedición renovada e ampliada do cancioneiro que Ánxela Loureiro elaborou a partir do disco homónimo publicado en 1995 polo grupo Saraibas, formación da que ela mesma formou parte. A publicación ofrece ferramentas prácticas e rigorosas para o labor docente, recompilando cancións propias das diferentes épocas do ano acompañadas da súa correspondente música e proposta de baile para facilitar a integración do galego na aprendizaxe escolar. 

Co obxectivo de que o manual chegue ao maior número posible de persoas e sirva como recurso pedagóxico activo nas aulas, a Deputación da Coruña xa distribuíu exemplares físicos desta edición por bibliotecas e centros educativos de toda a provincia. Así mesmo, a obra atópase dispoñible de xeito libre e gratuíto en formato dixital para a súa descarga a través do apartado de Lingua da páxina web oficial da institución provincial 
