---
title: "A Deputación participa na entrega dos X Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual  "
description: "A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto de entrega dos galardóns ás catro propostas premiadas, que afondan na representación, a crítica e a historia do audiovisual  . A Coruña,..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-participa-na-entrega-dos-x-premios-maria-luz-morales-da-academia-galega-do-audiovisual/
date: 2026-09-28
modified: 2026-09-28
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/55546927692_0a20b303cf_k.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación participa na entrega dos X Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual  

- **A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto de entrega dos galardóns ás catro propostas premiadas, que afondan na representación, a crítica e a historia do audiovisual** 
- **A Coruña, 24 de setembro de 2026. – **A** **deputada de cultura, Natividade González, participou este xoves na entrega dos X Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual, organizados pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da Deputación da Coruña; nun acto no que tamén participou a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, e representantes das deputacións de Lugo e Ourense, así como integrantes do xurado. 

Durante a súa intervención, Natividade González destacou a importancia de que os premios cheguen á súa décima edición, consolidando un espazo para a investigación, o pensamento e a reflexión arredor do audiovisual: “detrás destes premios hai continuidade, compromiso e, sobre todo, a capacidade de consolidar un espazo que xa forma parte do noso panorama cultural e audiovisual”. Ademais, afirmou que estes premios puxeron o foco “nun ámbito que ás veces queda nun segundo plano cando falamos de cultura: a investigación, a reflexión e o pensamento arredor do audiovisual”. Neste sentido, sinalou que “precisamos crear, producir e exhibir audiovisual galego, pero tamén precisamos estudalo, analizalo, cuestionarnos como nos representamos e construír memoria arredor das imaxes que producimos”,.  

“Desde a Deputación da Coruña temos claro que apoiar a cultura significa apoiar todo ese ecosistema: a creación, por suposto, pero tamén a investigación, o coñecemento e os espazos nos que se xeran novas reflexións” engadiu, e puxo tamén en valor o papel da colaboración entre as catro deputacións galegas, que permite sumar esforzos arredor dun proxecto común e contribuír ao fortalecemento do ecosistema cultural galego. 

**Propostas premiadas** 

Nesta décima edición, os catro galardóns recaeron en propostas de autoría feminina que abordan diferentes cuestións relacionadas coa representación, a memoria e a análise crítica do audiovisual. 

- Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, o premio foi para O cinema sobre o papel: interpretación da sétima arte na obra xornalística e editorial de María Luz Morales, de Alba María Moledo Ucha. O Mellor videoensaio sobre audiovisual galego recoñeceu Un caderno dixital: A lesbiana no audiovisual galego, de Lucía Estévez González. 

- No ámbito internacional, o Mellor ensaio escrito foi para Odiar os luns. Unha reflexión sobre ficción audiovisual, traballo e clase, de Uxía Bereixo, mentres que o Mellor videoensaio distinguiu Como despezar o corpo feminino na pantalla, de Sara Calvete Lorenzo. 

Desde a súa creación, os Premios María Luz Morales —pioneiros no Estado neste ámbito— recibiron 237 traballos en dez edicións, 89 deles centrados no audiovisual galego. Os galardóns levan o nome de María Luz Morales, pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX.
