---
title: "A Deputación inviste preto de 400.000 euros no programa de subvencións a concellos para a atención de museos en 2025"
description: "A Deputación da Coruña achegará 394.545 euros para o programa FO216, de subvencións a concellos e entidades locais para o financiamento dos gastos de persoal técnico para a atención de museos e centro..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-inviste-preto-de-400-000-euros-no-programa-de-subvencions-a-concellos-para-a-atencion-de-museos-en-2025/
date: 2025-04-09
modified: 2025-04-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/04/1717670709646.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación inviste preto de 400.000 euros no programa de subvencións a concellos para a atención de museos en 2025

A Deputación da Coruña achegará 394.545 euros para o programa FO216, de subvencións a concellos e entidades locais para o financiamento dos gastos de persoal técnico para a atención de museos e centros museísticos durante 2025. Os 22 beneficiarios recibirán axudas de entre 12.500 e 20.000 euros.

“Con esta liña de axudas”, explicou a deputada de Cultura, Natividade González, reforzamos o noso compromiso de facilitar a conservación e divulgación do patrimonio cultural da nosa provincia”. “Na área de Cultura da Deputación da Coruña”, engadiu, “somos conscientes de que contar con profesionais formados en áreas como a museoloxía e a documentación é crucial para garantir o correcto funcionamento destes espazos, a axeitada preservación das súas coleccións e a oferta de servizos de calidade ás e aos visitantes”.

Para a deputada, “os museos son espazos de memoria, coñecemento e encontro, fundamentais para poñer en valor o noso patrimonio, para fortalecer a identidade local e mesmo para fomentar o turismo cultural sostible. Por iso consideramos prioritario reforzar as súas estruturas cunha liña de axudas que ten un impacto directo na súa actividade cotiá”.

A relación de beneficiarios pode consultarse e descargarse no [BOP do 8 de abril](https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/08/2025_0000002187.pdf).
