---
title: "A Deputación inaugura no Museo do Pobo Galego  a exposición do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica   "
description: "A deputada de cultura, Natividade González, inaugurou a mostra, que recolle as fotografías gañadoras e finalistas desta edición  . Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026 . O Museo do Pobo Galego..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-inaugura-no-museo-do-pobo-galego-a-exposicion-do-20o-premio-internacional-luis-ksado-de-creacion-fotografica/
date: 2026-10-13
modified: 2026-10-13
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/INAUGURACION_EXPOSICION_LUIS_KSADO-06.jpg
categories: ["Cultura", "Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación inaugura no Museo do Pobo Galego  a exposición do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica   

- **A deputada de cultura, Natividade González, inaugurou a mostra, que recolle as fotografías gañadoras e finalistas desta edición** 
- **Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026**. O Museo do Pobo Galego acolleu onte a inauguración da exposición das fotografías gañadoras e finalistas do 20º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación. A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto, onde salientou o compromiso da entidade provincial “co talento emerxente e coas miradas xa consagradas que fan da imaxe a súa linguaxe e unha ferramenta de pensamento que moitas veces pasa inadvertido”. 

A xornada de tarde comezaba cunha conferencia do gañador da última edición, Miguel Muñiz, sobre a súa obra *Aventados*, da que o xurado destacou o seu traballo de gran coherencia narrativa e pola súa atmosfera evocadora que documenta con visión poética ás persoas no seu entorno rural. A continuación inaugurouse a exposición das obras premiadas e finalistas de 2026: *Néboa*, de Carlos Folgoso Sueiro (Verín, Ourense); *Terra negra*, de Tono Arias (A Estrada, Pontevedra); *Terra de promesas*, de Roberto de la Torre Camiña (Vigo); *Latencia*, de Rodrigo Sánchez Suárez (Oleiros) e *La mente vaciada,* de Raquel López Pajares (Madrid). No acto participaron o fotógrafo e comisario da exposición Xurxo Lobato, o galardoado Miguel Muñiz, a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. 

A deputada de cultura sinalou durante a súa intervención inaugural que o premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, “que honra un legado, vai co presente e mira cara ao futuro. Durante dúas décadas foi quen de acompañar a evolución da fotografía galega e de proxectar novas voces, consolidándose como un referente que transcende o propio certame para formar parte da nosa política pública de apoio á creación”. Tamén destacou a calidade da exposición, que percorrerá diferentes concellos da provincia, “un conxunto plural que amosa a riqueza de voces, miradas e sensibilidades que percorre hoxe a fotografía documental”. 

A programación paralela do XX Premio Luís Ksado de Creación Fotográfica remata hoxe, 8 de outubro, ás 19:00 horas, tamén no Auditorio do Museo do Pobo Galego, co acto institucional de declaración de José Suárez como Fotógrafo Histórico, coa participación de Natividade González, Manuel Sendón e Xurxo Lobato. 
