---
title: "A Deputación impulsa na Coruña unha análise colectiva da escena musical alternativa"
description: "A Deputación da Coruña inaugurou esta tarde en Studio Follow (A Coruña) a xornada 'Radiografía da escena musical alternativa'. Esta iniciativa, impulsada pola Área de Cultura no marco do ciclo 'A Cult..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-impulsa-na-coruna-unha-analise-colectiva-da-escena-musical-alternativa/
date: 2026-04-17
modified: 2026-04-17
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/Radiografia_escena_musical_alternativa_2.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación impulsa na Coruña unha análise colectiva da escena musical alternativa

A Deputación da Coruña inaugurou esta tarde en Studio Follow (A Coruña) a xornada ‘Radiografía da escena musical alternativa’. Esta iniciativa, impulsada pola Área de Cultura no marco do ciclo ‘A Cultura é un Dereito’, converterá durante dous días a cidade nun espazo de encontro, reflexión e intercambio arredor da creación musical contemporánea.

O acto de apertura, esta tarde, contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, que puxo en valor o papel das institucións públicas á hora de seguir ampliando os espazos de reflexión ao redor da cultura «desde unha perspectiva aberta e conectada co presente». Neste sentido, subliñou que «a cultura é unha responsabilidade pública, é un dereito, e por iso debe atender tamén as novas realidades creativas e os espazos onde se constrúe».

Acompañada pola coordinadora do evento, Carolina Martínez, e do responsábel técnico, Míchel Valiña, a deputada destacou que este tipo de iniciativas permiten «xerarmos pensamento compartido sobre os procesos culturais que están a transformar a sociedade», ao tempo que contribúen a «recoñecer e facer visíbeis» ámbitos fundamentais da creación actual como a música alternativa e independente.

As xornadas continuarán mañá sábado cun programa que afondará en cuestións como os modelos de programación alternativos, o papel dos selos discográficos independentes ou o fenómeno dos microfestivais, combinando novamente espazos de debate con *showcases* e actuacións musicais.
