---
title: "A Deputación fomenta a imaxinación e o optimismo cunha nova edición do concurso ‘#140enpositivo’"
description: "A Biblioteca Provincial da Deputación abriu recentemente a XIV edición do seu certame anual de microrrelatos e mensaxes motivadoras baixo o lema 'Palabras de amor: #140enpositivo'. Esta iniciativa pro..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-fomenta-a-imaxinacion-e-o-optimismo-cunha-nova-edicion-do-concurso-140enpositivo/
date: 2026-03-03
modified: 2026-03-03
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/TW-140enposiyivo-80.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación fomenta a imaxinación e o optimismo cunha nova edición do concurso ‘#140enpositivo’

A Biblioteca Provincial da Deputación abriu recentemente a XIV edición do seu certame anual de microrrelatos e mensaxes motivadoras baixo o lema ‘Palabras de amor: #140enpositivo’. Esta iniciativa procura convertese nun espazo de creatividade e entusiasmo, convidando a participar cunha reflexión que impulse o ánimo e a superación diaria.

Pode participar calquera persoa de máis de 14 anos, establecéndose dúas categorías diferenciadas por idades para separar o público adolescente do adulto. O formato esixido mantén a esencia de brevidade característica das redes sociais, permitindo textos cunha extensión máxima de 280 caracteres, incluídos os espazos. Os autores e autoras poden presentar as súas propostas tanto en galego coma en castelán, cun límite de ata tres por participante.

O proceso de inscrición realizarase a través da páxina web da biblioteca ([https://dacoruna.gal/biblioteca](https://dacoruna.gal/biblioteca)), onde as persoas interesadas deberán cubrir o formulario habilitado na sección de actividades e concursos. O prazo de admisión permanecerá aberto ata o 28 de marzo.

No referente aos premios, a organización seleccionará un total de seis persoas gañadoras, tres por categoría. Os primeiros premios de cada categoría consistirán nun libro electrónico; quen quede en segundo lugar recibirá unha tarxeta regalo valorada en 75 euros para a compra de material bibliográfico; e os e as terceiras serán galardoadas cun lote completo de produtos promocionais da biblioteca. Ademais deste cadro de honra, a deputación agasallará todas as persoas participantes cun pequeno obsequio institucional que se poderá recoller na propia Biblioteca Provincial.
