---
title: "A Deputación da Coruña publica as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane, Luís Ksado e Jesús Núñez"
description: "O Premio Luis Seoane, que chega á súa segunda edición, está destinado a recoñecer traxectorias profesionais no ámbito do deseño. As persoas, colectivos ou entidades propostas deberán acreditar unha de..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-publica-as-bases-das-edicions-2026-dos-premios-luis-seoane-luis-ksado-e-jesus-nunez/
date: 2025-12-06
modified: 2025-12-06
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/Premio_Luis_Ksado_1.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña publica as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane, Luís Ksado e Jesús Núñez

O Premio Luis Seoane, que chega á súa segunda edición, está destinado a recoñecer traxectorias profesionais no ámbito do deseño. As persoas, colectivos ou entidades propostas deberán acreditar unha dedicación mínima de dez anos e unha relación directa con Galicia, ben polo exercicio profesional no territorio ou pola realización de obras relevantes para clientela galega. O premio, dotado con seis mil cincocentos euros, admitirase por convocatoria pública entre o 10 de febreiro e o 10 de abril a través da plataforma telemática da Deputación. As candidaturas deberán incluír memoria explicativa, currículo detallado e fotografías das pezas máis significativas, ademais da documentación que permita a súa tramitación electrónica. A resolución final corresponderalle á Presidencia, tras a proposta dun xurado integrado por profesionais do deseño e persoas vinculadas ao ámbito empresarial ou cultural.

O Premio Internacional Luís Ksado de creación fotográfica, que acada a súa vixésima edición, manterá aberto o envío de obras entre o 10 de febreiro e o 29 de maio. Dirixido a persoas maiores de idade que non fosen premiadas en convocatorias anteriores, esténdese ás disciplinas do fotodocumentalismo, fotoperiodismo e reportaxe en xeral, con series de entre seis e doce fotografías en formato 30 x 40 centímetros. A presentación realizarase baixo sistema de plica e deberá incluír, en sobres diferenciados, tanto a colección como a documentación persoal, currículo, declaración responsable de autoría e cesión non exclusiva de dereitos para os efectos de exposición, publicación e catálogo. O premio único está dotado con seis mil cincocentos euros e poderá declararse deserto ou concederse ex aequo. O xurado poderá seleccionar obras non premiadas para realizar unha exposición itinerante por municipios da provincia e para editar un catálogo, co correspondente aboamento dunha indemnización de cincocentos euros ás persoas participantes seleccionadas.

Pola súa banda, o Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, que cumpre vinte e unha edicións, abrirá tamén a inscrición o 10 de febreiro e pechará o prazo o 10 de abril. A convocatoria está dirixida a persoas maiores de idade que non obtivesen o premio nos últimos cinco anos e que presenten obras inéditas con unha antigüidade máxima de tres anos. Establécese un primeiro premio dotado con seis mil cincocentos euros e cunha exposición na Fundación CIEC, ademais de dous accésits consistentes en bolsas de matrícula para o Máster de Obra Gráfica impartido por esta institución. As solicitudes poderán presentarse por medios electrónicos, en rexistros oficiais ou por correo postal, e excepcionalmente a través da Fundación CIEC cando existan dificultades acreditadas. As obras deberán remitirse á sede da Fundación en Betanzos, asinadas, sen enmarcar e acompañadas da copia da solicitude enviada á Deputación. O xurado poderá seleccionar até trinta obras non premiadas para unha exposición que se inaugurará na Fundación CIEC e continuará a súa itinerancia por concellos da provincia, coa edición do correspondente catálogo.

As resolucións de concesión dos tres premios faranse públicas no *Boletín Oficial da Provincia*, logo do proceso de valoración de cada xurado e dos informes preceptivos dos servizos provinciais. A participación nas convocatorias implica a aceptación íntegra das bases e das condicións relativas á protección de datos, cesións de dereitos e presentación de documentación establecidas pola Deputación da Coruña.
