---
title: "A Deputación da Coruña organiza dúas xornadas formativas ao abeiro do recentemente editado ‘Manual para políticas culturais locais’"
description: "A Deputación da Coruña organiza un programa de acompañamento formativo e de socialización pública do Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura. Esta obra,..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-organiza-duas-xornadas-formativas-ao-abeiro-do-recentemente-editado-manual-para-politicas-culturais-locais/
date: 2026-04-24
modified: 2026-04-24
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/TW-obradoiro_30-abril.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña organiza dúas xornadas formativas ao abeiro do recentemente editado ‘Manual para políticas culturais locais’

A Deputación da Coruña organiza un programa de acompañamento formativo e de socialización pública do *Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura.* Esta obra, recentemente editada pola institución, concíbese como unha ferramenta práctica impulsada pola Área de Cultura para reforzar o desenvolvemento de políticas culturais transformadoras nos concellos da provincia.

Este programa é un espazo para o encontro, a aprendizaxe colectiva e a transferencia de coñecemento, co obxectivo de facilitar a aplicación práctica dos contidos do manual e avanzar na posta en marcha das accións que recolle a publicación.

A formación estrutúrase en dous obradoiros independentes, dirixidos a persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia da Coruña, cun máximo de corenta participantes por sesión.

O primeiro deles, baixo o título ‘Unha cultura que coida’, terá lugar o 30 de abril no Pazo de Mariñán (Bergondo), en horario de 11:00 a 13:30 horas. A sesión centrarase na formulación de propostas culturais que incorporen a perspectiva do coidado, a sustentabilidade e o fortalecemento das comunidades. O segundo obradoiro, ‘Diagnose e estratexia cultural’, celebrarase no mes de xuño en Santiago de Compostela e anunciaranse os detalles proximamente.

Ambas as dúas sesións estarán facilitadas por Fran Quiroga e Adela Vázquez, persoas coordinadoras da publicación. As inscricións poderán realizarse a través do formulario que se habilitará na web https://aculturaeundereito.gal/ a partir deste venres, 24 de abril, ás 14:00 horas.
