---
title: "A Deputación da Coruña leva por primeira vez os xurados do Premio Torrente Ballester á Fundación que leva o nome do escritor "
description: "A deputada de cultura presentou esta mañá as actividades que desenvolverá en colaboración coa Fundación Torrente Ballester, entre as que destaca o encontro de lectura colectiva «Le comigo», o domingo..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-deputacion-da-coruna-leva-por-primeira-vez-os-xurados-do-premio-torrente-ballester-a-fundacion-que-leva-o-nome-do-escritor/
date: 2026-10-23
modified: 2026-10-23
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/NATIVIDADE_GONZALEZ_PRESENTACION_PREMIO_FUNDACION_TORRENTE_BALLESTER-01.jpg
categories: ["Sin categorizar"]
type: post
lang: es
---

# A Deputación da Coruña leva por primeira vez os xurados do Premio Torrente Ballester á Fundación que leva o nome do escritor 

- **A deputada de cultura presentou esta mañá as actividades que desenvolverá en colaboración coa Fundación Torrente Ballester, entre as que destaca o encontro de lectura colectiva «Le comigo», o domingo 15 de novembro, coa escritora Luisa Castro como convidada** 
- **O Premio Torrente Ballester, que chega á súa 37ª edición, recibiu este ano 593 orixinais entre as modalidades de narrativa en galego e en castelán, fronte aos 113 da edición anterior** 
- **Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026. –** A Deputación da Coruña presentaou esta mañá na Fundación Torrente Ballester a programación de actividades que a área de Cultura desenvolverá en colaboración con esta institución arredor do Premio Torrente Ballester de narrativa en galego e en castelán, nun actou que contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González; da coordinadora da actividade «Le comigo», Gemma Sesar; da presidenta da Fundación Torrente Ballester, Fernanda Torrente Sánchez-Guisande, e do director do centro de investigación e da Biblioteca da Fundación, Antonio J. Gil González. 

**Reunión xurados Torrente Ballester** 

A deputada sinalou a importancia de “colaborar entre institucións culturais e a capacidade de sumar esforzos para facer que a cultura chegue a máis xente”. Neste sentido, a principal novidade desta edición será que, por primeira vez na historia do premio Torrente Ballester da Deputación, os xurados das modalidades en galego e en castelán se reunirán na Fundación Torrente Ballester. A cita terá lugar o luns 16 de novembro e porá fin ao proceso de concesión dos premios literarios convocados pola área de Cultura da Deputación ao longo deste ano. “É unha maneira de achegar o premio á memoria do escritor que lle dá nome, pero tamén de contribuír a dar vida a este espazo e a poñer en valor o traballo que desenvolve a Fundación, unha Fundación que tamén recibe o apoio da Deputación da Coruña, polo que aínda cobra máis sentido” apuntou. 

O Premio Torrente Ballester de narrativa en galego e en castelán é o máis antigo dos convocados pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Naceu en 1989 e chega este ano á súa 37ª edición, consolidado como un dos recoñecementos de referencia no ámbito literario. “Son case catro décadas recoñecendo a creación literaria, descubrindo novas voces e contribuíndo a que moitas obras poidan chegar ás mans das lectoras e dos lectores” sinalou González. 

**Unha edición con 593 orixinais recibidos** 

A convocatoria de 2026 rexistrou un notable incremento da participación, cun total de 593 obras recibidas entre as dúas modalidades: 481 orixinais en castelán e 112 en galego. Na edición de 2025 presentáranse 49 obras en castelán e 64 en galego. Tal e como sinalou a deputada, “esta cifra confirma a capacidade de convocatoria e o prestixio que foi adquirindo este premio ao longo dos anos”. 

Estes datos sitúan o Premio Torrente Ballester como un dos eixes destacados da convocatoria anual de premios literarios da Deputación, que recibiu este ano un total de 768 obras. Ademais dos 593 orixinais do Torrente Ballester, chegaron 72 ao Premio González Garcés de poesía, 84 ao Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. e 19 ao Premio Castelao de Banda Deseñada. 

Os dous premios Torrente Ballester están dotados con 15.000 euros cada un e recoñecen obras de narrativa en galego e en castelán. Ao longo da súa traxectoria, o galardón distinguiu autores e autoras como Manuel Rivas, José María Merino, Víctor Freixanes, Ignacio Martínez de Pisón, Luisa Castro, Eli Ríos e Blanca Riestra. 

**Dous xurados para escoller as obras gañadoras** 

O luns 16 de novembro reuniranse na Fundación Torrente Ballester os dous xurados encargados de decidir as obras gañadoras desta edición. Estarán integrados por dez persoas vinculadas á creación literaria, ao xornalismo cultural, ás librarías e ás bibliotecas, con diferentes xeracións e traxectorias profesionais. 

O xurado da modalidade en galego estará formado por Estro Montaña, gañador da edición de 2025 coa obra Non hai paz no paraíso; Cecilia F. Santomé, escritora, tradutora e lingüista; Carolina Sertal, xornalista e escritora; Lorena Gómez, bibliotecaria, e Samuel L. Paris, escritor e poeta. 

Pola súa banda, o xurado da modalidade en castelán estará integrado por Pablo Escudero Abenza, gañador de 2025 con Biblioteca familiar; Mercedes Corbillón, libreira e escritora; Estela Gómez, escritora; Raquel Piñeiro, xornalista e escritora, e Xosé Monteagudo, escritor. 

As obras gañadoras da pasada edición, *Non hai paz no paraíso* e *Biblioteca familiar*, publicaranse proximamente a través das respectivas editoriais. 

**«Le comigo», unha invitación a ler en comunidade** 

Como antesala á reunión dos xurados, o domingo 15 de novembro, ás 11.30 horas, a Fundación Torrente Ballester acollerá a actividade «Le comigo», unha proposta aberta á cidadanía que convida a ler en silencio e en comunidade libros premiados. O encontro, impulsado por Gemma Sesar e incorporado este ano ás actividades literarias da área de Cultura da Deputación, contará coa presenza da escritora galega Luisa Castro, unha figura destacada na historia do Premio Torrente Ballester. 

Castro foi a primeira escritora galega en gañar o galardón, en 2004, na súa 16ª edición, coa obra *Podría hacerte daño*. Antes dela, só a escritora arxentina Vlady Kociancich conseguira o premio, na segunda edición, celebrada en 1990. Desde entón, outras autoras galegas, como Eli Ríos e Blanca Riestra, incorporáronse á relación de mulleres escritoras distinguidas co galardón. 

A participación na actividade «Le comigo» será gratuíta e estará aberta a todas as persoas interesadas, previa inscrición.  
