---
title: "A Deputación da Coruña impulsa unha nova edición da Feira de Edición e Libro Ilustrado"
description: "A FELiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado volve a Compostela o sábado 21 de xaneiro da man da área de Cultura da Deputación da Coruña, e na que tamén colabora Afundación Obra Social de Abanca. Trát..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-impulsa-unha-nova-edicion-da-feira-de-edicion-e-libro-ilustrado/
date: 2023-01-10
modified: 2023-01-10
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2023/01/Post_1.png
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña impulsa unha nova edición da Feira de Edición e Libro Ilustrado

A FELiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado volve a Compostela o sábado 21 de xaneiro da man da área de Cultura da Deputación da Coruña, e na que tamén colabora Afundación Obra Social de Abanca. Trátase dunha iniciativa que se centra na edición e autoedición de libros ilustrados que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), facendo especial fincapé, ademais, na difusión do Premio Castelao de Banda Deseñada organizado pola Deputación da Coruña.

A xornada consta dun programa de charlas que teñen como finalidade achegar ao público en xeral ao traballo de artistas e editoriais, facer unha radiografía da situación actual do sector, e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. O evento complétase cunha pequena feira onde as persoas visitantes poderán mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas, así como as novidades editoriais no eido dos libros ilustrados.

A sesión da mañá, estará dedicada aos Premios Castelao de Banda Deseñada que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, e contará coa intervención do deputado Xurxo Couto, e cunha mesa redonda moderada por Neves Rodríguez e na que participarán Siqui Luis Yang, debuxante de O Bico da Serea; Uxía Larrosa, guionista de O Bico da Serea; Francisco Pérez, autor de Contando Estrelas; e Julia Lago, autora de Nós Seis.

Convén lembrar que o obxectivo de FELiiC é resaltar a importancia do traballo das ilustradoras e ilustradores á hora de ter que completar unha narración literaria a través das súas interpretacións ilustradas, así como cando se enfrontan ao momento de crear os seus propios proxectos co fin de ser editados ou autoeditados.

Ademais, resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas onde a ilustración é tan protagonista coma o texto, poñendo así en valor o formato do libro ilustrado como un todo artístico que enriquece e fomenta a lectura.

Programa FELiiC

• 11:00h |Apertura evento
Postos que participan: Libraría Pedreira, Libraría Lila de Lilith e Galería Maraca

• 11:15h | Auditorio
Presentación a cargo de Xurxo Couto, Deputado de Cultura

• 11:30h | Auditorio
Premios Castelao de Banda Deseñada: un apoio continuado á edición galega ilustrada.

Interveñen: Siqui Luis Yang, debuxante de O Bico da Serea; Uxía Larrosa, guionista de O Bico da Serea; Francisco Pérez, autor de Contando Estrelas; e Julia Lago, autora de Nós Seis.

• 16.15h | Auditorio
Libros ilustrados: as diferentes experiencias e procesos creativos que hai detrás.

Interveñen: Cristina Daura, ilustradora de Herstory, una historia ilustrada de las mujeres; Aitor Saraiba, autor de El libro de la crisálida. Modera: Laura Romero, presidenta da AGPI, Asociación Galega de profesionais da Iilustración.

• 17:45h | Auditorio
En portada: a imaxe que precede ás mil palabras.

Interveñen: Natalia Umpiérrez, ilustradora de En la celda había una luciérnaga; Nuria Riaza, ilustradora de El círculo de las hijas perdidas; Marta Font, ilustradora de Desde mi piel. Modera: Raúl Bermúdez, director creativo de Chachachá Estudio e editor de IlustraDots vol.I e IlustraDots vol.II
