---
title: "A Deputación da Coruña festexa a literatura desde a Biblioteca Provincial"
description: "A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta tarde a presentación da obra Os libros durmidos, escrita por María Canosa e ilustrada por Laura Suárez, nun acto que contou coa presenza da..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-festexa-a-literatura-desde-a-biblioteca-provincial/
date: 2026-04-23
modified: 2026-04-23
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/Presentacion_Os_libros_durmidos_2.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña festexa a literatura desde a Biblioteca Provincial

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta tarde a presentación da obra *Os libros durmidos,* escrita por María Canosa e ilustrada por Laura Suárez, nun acto que contou coa presenza das súas creadoras e da deputada de Cultura, Natividade González.

A publicación, impulsada no marco dos proxectos desenvolvidos pola Biblioteca para conmemorar o seu 180.º aniversario, propón unha viaxe ao redor da descuberta e da paixón pola palabra escrita, incorporando tamén referencias a figuras vinculadas á historia da institución.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou o simbolismo do acto e do espazo que o acolle, sinalando que «é unha satisfacción acompañar as autoras nun espazo tan emblemático como a Biblioteca Provincial para celebrar unha efeméride tan importante como é o Día do Libro, unha data de celebración».

A deputada puxo tamén en valor «a simbiose entre a palabra e a imaxe» neste libro, enfatizando tamén a participación neste proxecto de Laura Suárez, gañadora nunha das últimas edicións do Premio Castelao de Banda Deseñada que convoca a Deputación. Ao respecto, reiterou o «compromiso» da institución con este tipo de certames que teñen como obxectivo impulsar o talento creativo galego.

Finalmente, González incidiu na necesidade de continuar apoiando a lectura e os espazos públicos dedicados ao libro, e apelou a que «os libros non queden “durmidos”», parafrasando o título da obra presentada.
