---
title: "A Deputación da Coruña explora como a prescrición cultural está a contribuír á saúde e ao benestar"
description: "Experiencias de Galicia, Euskadi e Portugal amosaron como a cultura contribúe ao fortalecemento dos vínculos comunitarios, á saúde mental e á prevención da soidade. As participantes destacaron a neces..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-explora-como-a-prescricion-cultural-esta-a-contribuir-a-saude-e-ao-benestar/
date: 2026-10-19
modified: 2026-10-19
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/ACEUD_Xornada17O.jpg
categories: ["Cultura", "Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña explora como a prescrición cultural está a contribuír á saúde e ao benestar

- **Experiencias de Galicia, Euskadi e Portugal amosaron como a cultura contribúe ao fortalecemento dos vínculos comunitarios, á saúde mental e á prevención da soidade.**
- **As participantes destacaron a necesidade de superar os proxectos piloto e avanzar cara a iniciativas con financiamento estable e coordinación sanitaria.**
- **A xornada propuxo acompañar iniciativas culturais impulsadas desde as propias comunidades, atendendo ás súas necesidades e favorecendo a súa continuidade.**

**A Coruña, 19 de outubro de 2026.** Como pasar de experiencias puntuais de prescrición cultural a iniciativas estables que formen parte das políticas públicas de saúde? Este foi un dos principais retos abordados na xornada **Cultura e saúde comunitaria**, celebrada o pasado sábado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que reuniu profesionais de Galicia, Euskadi e Portugal para analizar como a participación cultural pode contribuír á saúde mental, á prevención da soidade non desexada e ao benestar comunitario.

O encontro abordou a **prescrición cultural, unha práctica que conecta os recursos culturais cos servizos sanitarios para favorecer o benestar das persoas**, e analizou as condicións necesarias para consolidar estas iniciativas, desde a coordinación entre profesionais ata o financiamento e a avaliación de resultados.

### **Experiencias de Portugal, Euskadi e Galicia**

**Fátima Vieira**, profesora catedrática da Universidade do Porto, presentou o traballo do **Consórcio de Prescrição Cultural de Portugal** e abordou as evidencias sobre os beneficios da participación cultural para a saúde mental, especialmente en persoas con ansiedade ou estrés. Subliñou que **a prescrición cultural debe partir dos profesionais sanitarios e complementar, nunca substituír, os tratamentos médicos**. Tamén destacou a necesidade de superar a temporalidade dos proxectos piloto e avanzar cara a políticas públicas con financiamento estable e mecanismos de avaliación.

Pola súa banda, **Marta Font Cifré**, directora de Estratexia, Consultoría e Innovación Social de K6 Gestión Cultural e directora de **Gertu Kultura**, compartiu a experiencia desta rede de Euskadi, que conecta equipamentos culturais, entidades sociais e servizos sanitarios. Entre as iniciativas presentadas destacou **Kulturatik ekin. Osasun Komunitarioa**, desenvolvido con Osakidetza –Servizo Vasco de Saúde– e seis concellos vascos, que promove a participación cultural de persoas maiores para previr a soidade non desexada.

Font incidiu na importancia de **ir máis alá da oferta de actividades e crear espazos nos que as persoas establezan vínculos, participen nas decisións e se sintan parte da comunidade**. A proximidade, a accesibilidade, a mediación e a continuidade son elementos fundamentais deste enfoque.

A perspectiva galega chegou da man de **Mercedes Seoane Bouzas**, terapeuta ocupacional, psicóloga e profesora da Universidade da Coruña, que abordou o papel da cultura na saúde mental desde os dereitos, a autonomía e a inclusión social. Seoane defendeu **a necesidade de combater o estigma e crear espazos culturais inclusivos nos que as persoas poidan participar sen quedar definidas polo seu diagnóstico**.

*“As persoas non poden quedar reducidas a un diagnóstico. Necesitan espazos nos que participar, relacionarse e desenvolver os seus intereses, como calquera outra persoa. A cultura pode contribuír a crear esas oportunidades e a que cada quen sexa recoñecido polo que é e polo que pode achegar á comunidade”*, sinalou Seoane.

### **Propostas para integrar cultura e saúde nas comunidades**

As intervencións deron paso a unha **dinámica de traballo colectivo** arredor de dous retos: integrar cultura e saúde en contornas próximas e garantir a continuidade e a sustentabilidade dos proxectos.

Entre as propostas destacou **impulsar creacións artísticas desde as propias comunidades**, mediante convocatorias a artistas e iniciativas de cinema, teatro ou circo, inclusivas para a veciñanza e acompañadas por profesionais sanitarios, que poidan servir de modelo para outras localidades.

Para garantir a continuidade, as persoas participantes propuxeron **identificar as necesidades reais das comunidades e promover liderados locais** capaces de manter vivos os proxectos. Tamén se destacou a importancia de dar visibilidade ás experiencias en festivais e outros espazos culturais, favorecendo que inspiren novas iniciativas e xeren unha demanda de participación desde a propia cidadanía.

Con este encontro, **a Deputación da Coruña pecha as xornadas de outubro dedicadas á relación entre cultura, acción social e saúde comunitaria**, dous espazos de intercambio para explorar novas formas de colaboración e avanzar cara a unha cultura entendida como dereito e conectada coa vida das persoas.
