---
title: "A Deputación da Coruña convoca o premio Otero Pedrayo 2026, dotado con 16.000 euros"
description: "A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2026, un galardón que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, premiar un l..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-convoca-o-premio-otero-pedrayo-2026-dotado-con-16-000-euros/
date: 2026-04-03
modified: 2026-04-03
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/04/Premio_Otero_Pedrayo.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña convoca o premio Otero Pedrayo 2026, dotado con 16.000 euros

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria do Premio Otero Pedrayo 2026, un galardón que ten por obxecto perpetuar e honrar a memoria dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura do país e promover os valores propios de Galiza e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

A dotación é de 16.000 euros, contía que achegan conxuntamente as catro deputacións provinciais galegas e a Xunta. Nesta edición, a Deputación da Coruña asume a convocatoria do premio, de acordo co carácter rotatorio anual estabelecido no seu regulamento.

O prazo de presentación de candidaturas será de tres meses desde o día seguinte á publicación da convocatoria no *Boletín Oficial da Provincia*, o pasado 26 de marzo de 2026, polo que permanecerá aberto ata o 27 de xuño de 2026.

Poderán optar ao premio as persoas nacidas ou residentes en Galiza, así como os grupos de traballo, institucións e entidades que destaquen pola difusión e polo mantemento da cultura galega. As candidaturas poderán ser presentadas polas propias persoas aspirantes, por entidades académicas e culturais, polas deputacións provinciais, pola Xunta ou polo propio xurado.

Convén lembrar que o Premio Otero Pedrayo é convocado cada ano por unha das catro deputacións galegas —A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra— e constitúe un dos recoñecementos máis relevantes no ámbito cultural galego. Nas últimas edicións foron recoñecidas figuras e entidades como Rosario Álvarez e Menchu Lamas (2021), Ángel Carracedo (2022), Darío Villanueva (2023), a Coral de Ruada (2024) e a Coral Polifónica de Pontevedra (2025), entre outras referencias destacadas das letras, da investigación e da creación cultural galega.

*Máis información no [BOP do 26 de marzo](https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2026/03/26/2026_0000001819.html) de 2026.*
