---
title: "A Deputación da Coruña celebrará o Día Mundial do Teatro levando ao Colón a peza ‘Nortear’"
description: "A Deputación da Coruña conmemora o Día Mundial do Teatro coa programación da peza Nortear, unha produción de Columna Balteira con dirección e texto de Helena Salgueiro, que se representará o vindeiro..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-celebrara-o-dia-mundial-do-teatro-levando-ao-colon-a-peza-nortear/
date: 2026-03-20
modified: 2026-03-20
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/03/Web-Colon_02.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña celebrará o Día Mundial do Teatro levando ao Colón a peza ‘Nortear’

A Deputación da Coruña conmemora o Día Mundial do Teatro coa programación da peza Nortear, unha produción de Columna Balteira con dirección e texto de Helena Salgueiro, que se representará o vindeiro 26 de marzo, ás 20:00 horas, no Teatro Colón. Os billetes para asistir á representación xa están á venda, con prezos que oscilan entre os catro e os oito euros.

A proposta escénica sitúa o público nun espazo no que o espectral se mestura coa realidade, o político co mítico e o onírico co mistérico. A obra presenta un grupo de mulleres que habita un espazo baleiro do Norte, un non-lugar no que os seus corpos transitan e traballan de maneira continua na procura dun punto no que ancorarse. Desde esa premisa, a peza afonda no ecofeminismo e na memoria dos saberes tradicionais fronte ao colapso climático.

A función, cunha duración de 80 minutos, contará ademais cunha proposta de mediación cultural asociada á estrea. Ao remate da representación celebrarase un coloquio posfunción baixo o título “Nortear [decolonizar, imaxinar]”, no que participarán Xavier de Pablo, do Instituto Clara Corbelhe, o equipo artístico e unha das informantes do traballo de campo.

O espectáculo será accesíbel, ao contar con sistema de subtitulado e audiodescrición, co obxectivo de facilitar o acceso a todos os públicos.

– [Acceso á billeteira do Teatro Colón](http://www.teatrocolon.es/evento/nortear/)
