---
title: "A Deputación da Coruña arroupa a presentación pública do proxecto ‘A Coruña entre memorias’"
description: "A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe na presentación da exposición do proxecto 'A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade'. Fíxoo acompañada de Cristina Botan..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-arroupa-a-presentacion-publica-do-proxecto-a-coruna-entre-memorias/
date: 2025-12-09
modified: 2025-12-09
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/12/De_esq_a_der_Zinthia_Alvarez_Natividade_Gonzalez_e_Cristina_Botana_1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña arroupa a presentación pública do proxecto ‘A Coruña entre memorias’

A deputada de Cultura, Natividade González, participou hoxe na presentación da exposición do proxecto ‘A Coruña entre memorias: historia, colonialismo e identidade’. Fíxoo acompañada de Cristina Botana e Zinthia Álvarez Palomino, responsábeis desta proposta, que foi unha das gañadoras do I Certame de Proxectos Singulares, convocado pola institución provincial.

González subliñou a importancia de apoiar traballos coma este, “moi necesarios”, que recupera a historia do tráfico de seres humanos desde o porto coruñés. A memoria, incidiu, é unha “construción colectiva” que, neste caso, se expón de xeito “moi coidado”.

A mostra inaugurarase o vindeiro 18 de decembro, ás 19.00, horas no MUNCYT, nun acto que incluirá unha visita guiada a un traballo que se poderá visitar durante dous meses.

Esta iniciativa propón unha revisión crítica da memoria colonial ligada ao porto da Coruña e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas, convidando a reflexionar sobre as conexións entre progreso, desigualdade e violencia que marcaron os séculos XVIII e XIX.

A través de documentos, imaxes e voces diversas, a exposición achega unha mirada renovada ao pasado da cidade e á súa inserción nas lóxicas coloniais. A inauguración coincide co Día Internacional das Persoas Migrantes, unha efeméride que chama a reparar nas consecuencias dos movementos humanos, nas desigualdades históricas e na necesidade de construír sociedades máis xustas e inclusivas.
