---
title: "A Deputación da Coruña afondou no valor educativo dos títeres nas XXII Xornadas ‘A Cultura é un Dereito’"
description: "A Deputación da Coruña celebrou o pasado venres, 30 de xaneiro, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, as XXII Xornadas A Cultura é un Dereito, que nesta edic..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-afondou-no-valor-educativo-dos-titeres-nas-xxii-xornadas-a-cultura-e-un-dereito/
date: 2026-02-01
modified: 2026-02-01
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/02/Xornada_titeres_-_A_Cultura_e_un_dereito_2-scaled.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña afondou no valor educativo dos títeres nas XXII Xornadas ‘A Cultura é un Dereito’

A Deputación da Coruña celebrou o pasado venres, 30 de xaneiro, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, as XXII Xornadas A Cultura é un Dereito, que nesta edición levaron por título ***Os títeres (Teatro de Títeres Visual e de Obxectos) como ferramenta educativa.* **O encontro reuniu ao longo de toda a xornada profesionais do ámbito dos títeres, da educación e da investigación para analizar e compartir experiencias arredor do potencial pedagóxico do teatro visual e de obxectos.

Este evento insírese na política de fondo da Deputación da Coruña de entender a cultura como un dereito básico da cidadanía. Nesta liña, a deputada de Cultura, Natividade González, reivindica que a institución «non concibe a cultura como un complemento, senón como un elemento central da identidade colectiva e un motor de transformación social», apostando por políticas públicas que garantan o acceso á cultura en todos os concellos e para todas as persoas.

Programas como A Cultura é un Dereito, explica, funcionan como espazos de pensamento compartido entre profesionais, creadoras e creadores, persoal investigador e administracións públicas, co obxectivo de trasladar esa reflexión a prácticas culturais e educativas reais, inclusivas e vinculadas ao territorio.

**Uso educativo dos títeres**

As xornadas partiron da relación histórica e intuitiva entre os títeres e a infancia, unha ligazón amplamente recoñecida pero non sempre suficientemente estudada desde o punto de vista educativo. A través deste encontro, a Deputación afondou en como a maxia dos obxectos animados pode funcionar como ferramenta facilitadora da aprendizaxe, da inclusión e do desenvolvemento emocional, promovendo o intercambio de coñecementos entre creadoras e creadores, docentes e persoal investigador.

O programa desenvolveuse ao longo de todo o día en diferentes espazos do Campus Vida. A sesión da mañá tivo lugar no Salón de Actos do módulo C1 e incluíu a recepción das persoas participantes e a presentación da xornada, a cargo de Gustavo Fouce Rodríguez, comisario do encontro, e de representantes de UNIMA. A continuación sucedéronse varias intervencións centradas no uso dos títeres no ámbito educativo, con achegas como a de Marilena Muratori, que abordou a relación entre o retablo e a aula, ou a de Cristina Prego Insua, centrada no traballo con alumnado autista. A mañá pechouse cun relatorio mediante videoconferencia de Heike Freire, dedicado á imaxinación e ao desenvolvemento da psique infantil a través dos títeres.

Xa pola tarde, a programación continuou con dúas sesións paralelas de obradoiros prácticos, nas que as persoas asistentes puideron escoller entre diferentes propostas relacionadas coa manipulación do títere de luva, o teatro de sombras, a pedagoxía crítica aplicada á resolución de conflitos escolares, o adestramento actoral ou a escrita de guións para espectáculos escolares. A xornada completouse cunha mesa redonda de casos prácticos, na que se presentaron experiencias de aplicación dos títeres na educación especial, na expresión emocional e na saúde mental, así como proxectos que levan o teatro de títeres da escena á aula.

As XXII Xornadas A Cultura é un Dereito estiveron producidas por Patricia Cameán e contaron coa colaboración de UNIMA, reforzando a aposta da Deputación da Coruña pola cultura como ferramenta de transformación social e educativa.
