---
title: "A Deputación da Coruña acompaña o sector do libro galego na gala dos Premios Follas Novas"
description: "A Deputación da Coruña participou este sábado na gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela e organizada pola Asociación de Escritoras e Esc..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-acompana-o-sector-do-libro-galego-na-gala-dos-premios-follas-novas/
date: 2026-05-10
modified: 2026-05-10
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/05/Premios_Follas_Novas_2026_-_horizontal.jpeg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña acompaña o sector do libro galego na gala dos Premios Follas Novas

A Deputación da Coruña participou este sábado na gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela e organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. A institución provincial apoiou unha nova edición destes galardóns, que avanzan ademais cara á creación dunha estrutura asociativa propia para reforzar a súa continuidade, consolidación e proxección futura.

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas Corral, asistiu ao acto, no que se puxo en valor o bo momento creativo da literatura galega e se reivindicou unha maior visibilidade social para o sector do libro. A cerimonia, conducida e musicada por Unha Señora Orquestra —formada por Ailén Kéndelman e Areta Bolado—, estreou ademais a nova imaxe dos premios, deseñada por Pepe Barro.

Entre os galardóns honoríficos entregados nesta edición estiveron os recoñecementos á libraría coruñesa Moito Conto, á Editorial Galaxia —coincidindo co seu 75.º aniversario— e ao escritor palestino Basim Al-Khandaqji, distinguido como Escritor Galego Universal.

Na relación de obras premiadas destacaron *Punto de araña*, de Nerea Pallares, premio á mellor obra de narrativa; *Mapa da estría*, de Andrea Nunes Brións, premio ao libro de poesía; e *O proceso. Apaga o candil*, de Cándido Pazó, premio ao libro de teatro. Tamén foron recoñecidas obras de divulgación, ensaio, literatura infantil e xuvenil, banda deseñada, tradución, edición e promoción da lectura.

### Palmarés dos Premios Follas Novas 2026

**Premios honoríficos**

- Premio FLG: Libraría Moito Conto
- Premio AGE: Editorial Galaxia
- Premio AELG Escritor Galego Universal: Basim Al-Khandaqji

**Obras premiadas**

- Premio á obra de ensaio e investigación: *Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes*, de Alba Rodríguez Saavedra (Laiovento)
- Premio á obra de divulgación: *Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?*, coordinado por Susana Reboredo Morillo (Editorial Galaxia)
- Premio á obra de narrativa: *Punto de araña*, de Nerea Pallares (Editorial Galaxia)
- Premio á obra infantil: *O Peculiar*, de Érica Esmorís (Cuarto de Inverno)
- Premio á obra xuvenil:* Unha historia de amor como outra calquera*, de Rosa Aneiros (Editorial Galaxia)
- Premio ao libro ilustrado: *A panadería*, de Lucía Belarte e David Lorenzo (Kalandraka)
- Premio ao libro de banda deseñada, gráfico e humor: *Rosalía oculta*, de Paula Mayor (Editorial Galaxia)
- Premio á iniciativa bibliográfica: *Guía ilustrada do Entroido galego,* de Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol (Edicións Xerais)
- Premio á obra traducida: *A máis recóndita memoria dos homes*, de Mohamed Mbougar Sarr, con tradución de María Alonso Seisdedos (Aira)
- Premio ao libro de poesía: *Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións* (Chan da Pólvora)
- Premio ao libro de teatro: *O proceso. Apaga o candil*, de Cándido Pazó (Editorial Galaxia)
- Premio ao libro mellor editado: *A caligrafía das espigas,* de Carlos Negro (Apiario)
- Premio promoción da lectura: Club de lectura feminista A Lila + A Sega
