---
title: "A Deputación da Coruña aborda a colaboración entre cultura e acción social para avanzar cara a unha participación cultural máis inclusiva"
description: "A xornada reuniu profesionais e experiencias de Galicia, Cataluña e Portugal para explorar novas formas de colaboración entre cultura e acción social. O encontro analizou como incorporar a inclusión,..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-da-coruna-aborda-a-colaboracion-entre-cultura-e-accion-social-para-avanzar-cara-a-unha-participacion-cultural-mais-inclusiva/
date: 2026-10-05
modified: 2026-10-05
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/10/AEUD_Xornada3O.jpg
categories: ["Novas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación da Coruña aborda a colaboración entre cultura e acción social para avanzar cara a unha participación cultural máis inclusiva

- **A xornada reuniu profesionais e experiencias de Galicia, Cataluña e Portugal para explorar novas formas de colaboración entre cultura e acción social.**
- **O encontro analizou como incorporar a inclusión, a accesibilidade e a participación ao funcionamento das institucións culturais.**
- **A Deputación dará continuidade ás xornadas o 17 de outubro cun encontro sobre cultura e saúde comunitaria.**

**A Coruña, 5 de outubro de 2026.** A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebrou o pasado sábado a xornada **Cultura e acción social**, un encontro para analizar como poden colaborar os ámbitos cultural e social para favorecer unha participación cultural máis inclusiva e conectada coas persoas e as comunidades.

Profesionais da cultura, a acción social, a educación e o traballo comunitario compartiron experiencias e abriron un diálogo arredor das **condicións necesarias para construír colaboracións efectivas, respectuosas e sostibles**. A accesibilidade, a mediación intercultural, a creación artística comunitaria e os dereitos culturais articularon unha reflexión que puxo tamén o foco nos límites e responsabilidades que implica traballar con persoas e comunidades desde a cultura. *“Queremos avanzar cara a unha maneira de entender a cultura na que importe o que facemos, os procesos e as redes que construímos. Traballar xunto ao ámbito social require escoita, coñecemento mutuo e respecto polos saberes e responsabilidades de cada parte. Apostamos por liñas de acción que inclúan a todas as persoas que fan comunidade, para facer accesibles non só os espazos, senón tamén as prácticas culturais.”*, sinalou **Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de Cultura, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña**.

Esta reflexión percorreu as diferentes experiencias compartidas durante a mañá. **Eva García**, especialista en creación artística comunitaria e mediación con perspectiva de dereitos, achegou as aprendizaxes das *Jornadas de Inclusión en las Artes Escénicas* e do Plan de Inclusión do INAEM, así como de *Òpera Prima* do Gran Teatre del Liceu –Cataluña–. A partir destes modelos, abordou **como avanzar das accións puntuais cara a procesos capaces de incorporar a inclusión e a participación á propia maneira de traballar das institucións culturais**.

Pola súa banda, **Maria Vlachou**, cofundadora e directora executiva de **Acesso Cultura** –Portugal–, abordou a **cultura como ben común**, ao mesmo nivel que ámbitos como a saúde ou a educación, e ampliou a reflexión sobre a participación cultural. Ademais das barreiras físicas, sociais ou intelectuais, puxo sobre a mesa cuestións como **quen se sente convidado, representado e parte dos espazos culturais**. Neste sentido, reivindicou tamén o papel da cultura na **formación dunha cidadanía libre, con capacidade para pensar por si mesma e participar activamente na sociedade**.

Estas perspectivas dialogaron coas experiencias desenvolvidas desde Galicia. **Rubén Capelán, de Mada Producións**, compartiu os retos e aprendizaxes de *Cultura para todas*, o programa de accesibilidade e inclusión nas actividades culturais da Deputación da Coruña, mentres que **Mariana Rodrigo, de Ecos do Sur** achegou a súa experiencia no traballo coa poboación migrante, a mediación intercultural e a participación comunitaria, incidindo nas barreiras que aínda dificultan unha participación cultural efectiva.

As intervencións deron paso a **varias dinámicas de traballo en grupo**, que permitiron compartir experiencias, identificar retos comúns e poñer en diálogo as diferentes perspectivas presentes na sala. A partir deste traballo, abriuse unha conversa co conxunto das persoas participantes para **contrastar metodoloxías, dificultades e posibilidades de colaboración entre a cultura e o ámbito social**, favorecendo o intercambio entre profesionais de distintos ámbitos e a reflexión conxunta arredor de como construír colaboracións máis sostidas, participativas e conectadas coas necesidades das comunidades.

### **A próxima xornada, o 17 de outubro**

A Deputación da Coruña dará continuidade a este espazo de intercambio o **sábado 17 de outubro** cunha segunda xornada centrada nas relacións entre **cultura e saúde comunitaria**, que reunirá profesionais de diferentes ámbitos para compartir experiencias, contrastar prácticas e abordar as posibilidades e os límites da colaboración arredor da saúde, o benestar e a comunidade.
