---
title: "A Deputación celebra a Festa da Música con nove concertos por toda a provincia durante o mes de xuño"
description: "A área de Cultura da Deputación da Coruña celebra o Día da Música estendendo a súa programación a todo o mes de xuño cun ciclo de concertos que terán lugar en Vimianzo, Vilasantar, Boiro, Arzúa, Artei..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-celebra-a-festa-da-musica-con-nove-concertos-por-toda-a-provincia-durante-o-mes-de-xuno/
date: 2025-05-26
modified: 2025-05-26
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2025/05/Festa-MUSICA_IG-XERAL-1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación celebra a Festa da Música con nove concertos por toda a provincia durante o mes de xuño

A área de Cultura da Deputación da Coruña celebra o Día da Música estendendo a súa programación a todo o mes de xuño cun ciclo de concertos que terán lugar en Vimianzo, Vilasantar, Boiro, Arzúa, Arteixo, Cee, Padrón, Culleredo e A Coruña. Con esta gran ‘Festa da Música’, a Deputación busca ampliar a oferta cultural e poñer en valor a música galega en directo.

O programa dará comezo o vindeiro 11 de xuño en Vimianzo, co espectáculo ‘A cadeira da avoa’, de As Tareixas. A actuación terá lugar no auditorio da Casa da Cultura ás 11:00 horas. A mesma proposta repetirase o 19 de xuño en Vilasantar, no CEIP Présaras, ás 12:00 horas, e o 21 de xuño en Boiro, na área recreativa de Praia Xardín, ás 18:00 horas.

A formación A Banda da Loba presentará o seu espectáculo ‘Lovismo’ o 19 de xuño en Arzúa, ás 21:00 horas, na praza de Galicia (en caso de choiva, será no Multiusos Terra do Queixo). Ao día seguinte, o 20 de xuño, o grupo levará a súa música ata o anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo (con alternativa no auditorio en caso e mal tempo) e o 21 de xuño ata Cee, ao auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura, ás 22:00 horas.

O proxecto ‘Agora é o tempo’, de Francisco Castro & A banda dos Borges, poderá verse o 20 de xuño en Padrón, no atrio do Convento do Carme, ás 20:30 horas, e o 21 de xuño en Culleredo, no auditorio do edificio de Servizos Múltiples do Burgo, tamén ás 20:30 horas.

Tamén o 21 de xuño terá lugar un concerto de Carmela no Teatro Colón da Coruña, onde presentará o seu espectáculo ‘Vinde todas’.
