---
title: "A Deputación apoia con 225.000 euros a programación de actividades do Auditorio de Galicia"
description: "A Deputación da Coruña apoia con 225.000 euros ao Auditorio de Galicia de Santiago e Compostela para o financiamento da súa programación de actividades durante o ano 2022. O presidente da Deputación d..."
url: https://aculturaeundereito.gal/es/a-deputacion-apoia-con-225-000-euros-a-programacion-de-actividades-do-auditorio-de-galicia/
date: 2022-08-26
modified: 2022-08-26
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2022/08/Auditorio_de_galicia_1.jpg
categories: ["Cultura"]
tags: ["cultura", "prensa"]
type: post
lang: es
---

# A Deputación apoia con 225.000 euros a programación de actividades do Auditorio de Galicia

A Deputación da Coruña apoia con 225.000 euros ao Auditorio de Galicia de Santiago e Compostela para o financiamento da súa programación de actividades durante o ano 2022.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas entidades acompañados do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Deputación apoia así a programación de actividades con 225.000 euros, un 77,47% do orzamento total que o Auditorio dispón para este fin, que ascende a 290.418,20 euros, e que inclúe ao longo do presente ano unha ampla programación de concertos de música clásica e vangardista, xornadas de ilustración e música contemporánea, o ciclo de Lied, a mostra ‘Deber de Baltar. Medicina e compromiso’, o Festival C, a semana do patrimonio invisible ou o apoio ás compañías de artes escénicas e de movemento.

Formoso destacou a «gran labor cultural que desenvolve o Auditorio cunha ampla programación de concertos, actividades didácticas e culturais e exposicións para todos os públicos, que ten unha importante difusión alén do propio termo municipal de Santiago de Compostela».

Pola súa banda, Mercedes Rosón agradeceu a colaboración económica da Deputación «para facer posible unha importante programación cultural que é atractiva, diversa e de calidade e que ten o obxectivo de situar Compostela como núcleo de formación e ocio da provincia».
