---
title: "A Deputación apoia as xornadas do Circo de Artesáns polo 175 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán"
description: "A programación inclúe a edición da guía  Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo de Artesáns , que recolle arredor de 400 obras, e unha exposición sobre a presenza da autora nos fondos da entidade  ..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-deputacion-apoia-as-xornadas-do-circo-de-artesans-polo-175-aniversario-do-nacemento-de-emilia-pardo-bazan/
date: 2026-09-28
modified: 2026-09-28
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/G23Q4852.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Xornadas"]
type: post
lang: gl
---

# A Deputación apoia as xornadas do Circo de Artesáns polo 175 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán

- **A programación inclúe a edición da guía *Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo de Artesáns*, que recolle arredor de 400 obras, e unha exposición sobre a presenza da autora nos fondos da entidade** 
- **A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación da guía, onde puxo en valor “unha das figuras fundamentais da nosa cultura”** 
- **A Coruña, 28 de setembro de 2026. – **A área de cultura da Deputación da Coruña apoia as xornadas que o Circo de Artesáns da Coruña celebra durante o mes de setembro para conmemorar o 175 aniversario do nacemento de Emilia Pardo Bazán, unha programación que combina divulgación, patrimonio bibliográfico e memoria cultural arredor dunha das figuras fundamentais da cultura galega. Entre as actividades das xornadas atópanse a presentación da publicación *Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo de Artesáns*, unha guía de lectura que reúne arredor de 400 obras relacionadas coa autora conservadas nos fondos bibliográficos da institución, e a exposición Emilia Pardo Bazán na biblioteca do Circo, que permite achegar ao público parte deste importante patrimonio bibliográfico. 

A presentación contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, e do presidente do Circo de Artesáns, Roberto Parga Abeleira. Durante a súa intervención, Natividade González puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade para organizar estas xornadas. “Para a Deputación da Coruña é unha satisfacción colaborar cunha iniciativa que nos permite achegarnos novamente a unha das figuras fundamentais da nosa cultura, pero facelo, ademais, desde unha perspectiva especialmente interesante: a través dos libros e da memoria que conservan as bibliotecas”, sinalou. 

A deputada destacou o valor da guía presentada, que reúne arredor de catrocententas obras relacionadas coa escritora, e reivindicou o papel das bibliotecas como espazos de conservación da memoria cultural. “Unha biblioteca non é simplemente un lugar no que se gardan libros. É tamén un espazo no que se conserva a memoria dunha sociedade, das persoas que escribiron, das que leron e das ideas que circularon ao longo do tempo”, afirmou. 

Natividade González referiuse tamén á importancia da figura de Emilia Pardo Bazán, unha autora estreitamente vinculada á Coruña e á provincia e cunha enorme capacidade para transcender o seu tempo. “Emilia Pardo Bazán foi unha muller que escribiu, pensou, polemizou e ocupou espazos que daquela estaban reservados case exclusivamente aos homes”, destacou. A deputada sinalou que o interese que a autora continúa a suscitar 175 anos despois do seu nacemento evidencia a vixencia do seu legado: “Unha figura cultural é verdadeiramente importante cando non queda encerrada no seu tempo, senón que continúa provocándonos preguntas no presente”.
