---
title: "A cultura que mellora a vida: a Deputación da Coruña reúne proxectos que traballan dende a inclusión, a memoria, o patrimonio e a comunidade"
description: "A Área de Cultura da Deputación da Coruña reuniu o pasado sábado representantes de diferentes iniciativas recoñecidas nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a M..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-cultura-que-mellora-a-vida-a-deputacion-da-coruna-reune-proxectos-que-traballan-dende-a-inclusion-a-memoria-o-patrimonio-e-a-comunidade/
date: 2026-09-28
modified: 2026-09-28
author: "admin"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/09/ACEUD_Xornada26S.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Xornadas"]
type: post
lang: gl
---

# A cultura que mellora a vida: a Deputación da Coruña reúne proxectos que traballan dende a inclusión, a memoria, o patrimonio e a comunidade

- **A Área de Cultura da Deputación da Coruña reuniu o pasado sábado representantes de diferentes iniciativas recoñecidas nas edicións de 2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social.**
- **O encontro permitiu compartir experiencias e necesidades, favorecer novas relacións entre os proxectos e recoller propostas para seguir mellorando o apoio público a iniciativas culturais con impacto social.**

**A Coruña, 28 de setembro de 2026.** A cultura como ferramenta para recuperar a memoria, facer máis accesible o patrimonio, reforzar os vínculos comunitarios, favorecer a inclusión ou reflexionar sobre cuestións como a vivenda, a identidade e a relación coa contorna. Son algunhas das perspectivas que se atoparon o pasado sábado na **Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña**, nunha xornada que reuniu representantes dos proxectos recoñecidos nas edicións de **2025 e 2026 dos Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social**.

Ao longo do día, **20 persoas en representación de 13 iniciativas** compartiron experiencias e aprendizaxes desde ámbitos e linguaxes moi diversos. Participaron no encontro **ComunitArte: comunicación, comunidade e arte**, de María Victoria Teijeiro Álvarez; **Pata de elefante: Alta costura**, de Elefante Elegante; **Martinete: maquetas accesibles do patrimonio industrial galego**, de Despunte Diseño e Ingeniería; **Miña casiña, meu lar**, de Laboratorio Escénico Coop.; **A Rede do Mar: memoria mariñeira e saberes do mar**, de AAntena; **CLIC. Programa de mediación cultural sobre o fin prematura da infancia**, de Culturactiva; e **Proxecto RUPESTRE SONORO**, de aCentral Folque e Noente Paradise.

Completaron a participación **Somos os monstros**, de Berrobambán; **ALCUMES**, de A Furna S. Coop. Galega Xuvenil; **Cámara Escura: Caderno de petróglifos da Coruña**, de Martela Films; **O noso pasar: A nosa fantasía**, o videoxogo sobre o turismo de Melgo Cinema; **Vidas de vidro: videolibro de memoria e resiliencia LGTBI e guía de boas prácticas para a terceira idade**, de Promove Consultoría e Formación; e **Soños analóxicos**, de Sinsal Audio. En conxunto, as propostas abordan cuestións vinculadas á **memoria e ao patrimonio, a inclusión e a accesibilidade, a creación e mediación cultural, os vínculos comunitarios ou a transmisión de saberes**, entre outras realidades.

A diversidade de aproximacións permitiu poñer en común maneiras diferentes de entender a cultura non só como creación ou acceso aos bens culturais, senón tamén como **espazo de participación, transmisión de coñecemento, construción de comunidade e mellora da vida das persoas**.

### **Escoitar para seguir avanzando**

A xornada tivo tamén unha importante dimensión de escoita. A través de diferentes dinámicas de traballo, as persoas participantes compartiron dificultades, necesidades e aprendizaxes e abordaron cuestións relacionadas coa **sustentabilidade dos proxectos, o seu impacto social e as posibilidades de colaboración entre iniciativas**.

Entre os principais retos compartidos durante o encontro apareceron cuestións como **a continuidade dos proxectos máis alá das convocatorias, a capacidade para consolidar e ampliar o seu impacto e a necesidade de fortalecer as redes de colaboración entre iniciativas e axentes culturais**. As persoas participantes coincidiron especialmente na importancia de **contar con ferramentas e espazos de acompañamento que favorezan a continuidade, o intercambio de coñecemento e a conexión entre proxectos**, unha das cuestións que a Área de Cultura recollerá para orientar futuras accións de apoio e acompañamento.

A posta en común permitiu tamén **detectar puntos de encontro entre iniciativas que traballan desde disciplinas, contextos e metodoloxías diferentes**, e abriu a posibilidade de **explorar novas colaboracións, intercambiar recursos e coñecementos e dar continuidade aos vínculos xerados durante a xornada**. Un resultado que reforza un dos obxectivos do encontro: que os Premios sirvan tamén para **conectar iniciativas que, desde ámbitos distintos, comparten unha mesma vontade de incidencia social a través da cultura**.

As achegas recollidas servirán á **Área de Cultura da Deputación da Coruña** para incorporar aprendizaxes ás próximas edicións dos Premios e identificar ferramentas, apoios ou posibles liñas de traballo que contribúan á continuidade e ao impacto destas iniciativas.

*“Estes proxectos permítennos coñecer de primeira man como a cultura está respondendo a necesidades moi diferentes nas nosas comunidades. Para a Deputación é fundamental escoitar a quen os impulsa, entender con que dificultades se atopan e incorporar ese coñecemento ás políticas culturais. Queremos que os Premios sexan un punto de partida para seguir acompañando estas iniciativas, favorecer a súa continuidade e crear condicións para que poidan chegar máis lonxe”*, sinala **Xavier Campos, asesor cultural da Deputación da Coruña**.

Con esta xornada, a Deputación dá un novo paso no percorrido iniciado coas dúas primeiras edicións dos **Premios de Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social**: do recoñecemento e apoio ás iniciativas á creación dun espazo no que **compartir coñecemento, establecer vínculos e escoitar as necesidades dun ecosistema cultural que traballa desde a proximidade para mellorar a vida das persoas e das comunidades**.
