---
title: "A Coruña acollerá a celebración da 25ª edición dos Premios Mestre Mateo coa colaboración da Deputación "
description: "A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación dunha nova edición dos galardóns do audiovisual galego, que reunirá 393 profesionais e 155 producións candidatas e culm..."
url: https://aculturaeundereito.gal/a-coruna-acollera-a-celebracion-da-25a-edicion-dos-premios-mestre-mateo-coa-colaboracion-da-deputacion/
date: 2026-11-18
modified: 2026-11-18
author: "Marketing2026"
image: https://aculturaeundereito.gal/wp-content/uploads/2026/11/G23Q4321.jpg
categories: ["Cultura", "Novas", "Premios"]
type: post
lang: gl
---

# A Coruña acollerá a celebración da 25ª edición dos Premios Mestre Mateo coa colaboración da Deputación 

- **A deputada de cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación dunha nova edición dos galardóns do audiovisual galego, que reunirá 393 profesionais e 155 producións candidatas e culminará coa gala do 27 de febreiro en Palexco** 
- **A Coruña, 18 de novembro de 2026**. A Coruña acollerá o vindeiro 27 de febreiro a gala da 25ª edición dos Premios Mestre Mateo, os principais galardóns do audiovisual galego, que contan co apoio da Deputación da Coruña. A celebración desta edición especial, que conmemora os 25 anos dos premios, foi presentada hoxe nun acto no que participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez. 

A edición deste ano conta coa participación de 393 profesionais e 155 producións audiovisuais, que competirán nas distintas categorías dos galardóns. A gala celebrarase en Palexco e estará precedida por un programa de actividades que permitirá achegar ao público as obras candidatas e visibilizar a diversidade e o talento do sector audiovisual galego. 

Durante a presentación, Natividade González cualificou esta 25ª edición dos Premios Mestre Mateo de «moi especial», tanto pola conmemoración dos 25 anos de recoñecemento ao talento e á creatividade do audiovisual galego como polo feito de que a gala se celebre na cidade da Coruña. A deputada destacou a profunda transformación experimentada polo sector neste cuarto de século, “tanto nas formas de producir, traballar e distribuír como nos hábitos de consumo, coa chegada das plataformas dixitais e de novas maneiras de contar historias e chegar ao público”. Nese sentido, sinalou que “se algo demostrou o audiovisual galego ao longo destes anos é que temos talento, temos profesionais e temos capacidade para contar historias propias que poden chegar a calquera parte do mundo”. 

González puxo tamén o foco no traballo das numerosas persoas que están detrás de cada película, serie ou documental e que contribuíron a construír un sector que hoxe é «unha parte fundamental da nosa cultura e tamén da nosa economía». Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación co apoio ao audiovisual, entendido como unha aposta pola cultura, pola lingua galega e por unha industria que crea emprego e oportunidades. A deputada incidiu na necesidade de seguir apoiando a creación e a produción propia, mellorar as condicións laborais dos profesionais e garantir que as historias contadas desde Galicia teñan espazo e visibilidade. Así mesmo, reivindicou os Premios Mestre Mateo como algo máis ca unha gala: «Son un punto de encontro para o sector, unha oportunidade para celebrar os seus éxitos e tamén para reivindicar o seu futuro». 

## ***155 producións e 393 profesionais na 25ª edición*** 

A Academia Galega do Audiovisual abrirá este xoves 19 de novembro a primeira rolda de votacións, na que os seus membros escollerán as obras e os profesionais finalistas. Os nomes seleccionados daranse a coñecer o 23 de decembro. 

Entre as producións participantes figuran 30 videoclips, 24 curtametraxes documentais, 21 curtametraxes de ficción e 7 de animación, ademais de 9 longametraxes documentais, 4 longametraxes e 6 longametraxes en lingua non galega. No apartado das series concorren 4 producións en galego e 3 noutras linguas. Tamén participan 13 propostas de programas informativos, divulgativos ou de actualidade, 18 de variedades e entretemento e 16 anuncios publicitarios. 

Esta edición incorpora cambios na estrutura das categorías para representar mellor a diversidade de formatos e recoñecer as particularidades dos diferentes ámbitos do sector. Entre as principais novidades está a diferenciación das categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie en producións en lingua galega e noutras linguas, co obxectivo de reforzar a visibilidade do audiovisual realizado na nosa lingua. 

Tamén se modifica a distribución das categorías televisivas, que distingue entre programas informativos, divulgativos e de actualidade e os de variedades e entretemento. A dirección contará con categorías específicas para longametraxe, serie e programa, mentres que a comunicación se dividirá en dúas modalidades. 

## ***Actividades previas á gala na Coruña*** 

A celebración dos 25 anos dos Premios Mestre Mateo estará acompañada dunha programación de actividades organizada pola Academia Galega do Audiovisual para achegar as obras candidatas ao público. 

O calendario comezará o 26 de novembro cunha maratón de proxección das curtametraxes de ficción e animación candidatas nos Cantones Cines da Coruña. O 29 de novembro será a quenda das curtametraxes documentais, cunha sesión en Culturgal, mentres que o 10 de decembro terá lugar un encontro arredor das candidaturas de videoclips, que reunirá profesionais desta categoría. 

O 23 de decembro anunciaranse as obras e os profesionais finalistas que competirán polos galardóns na gala do 27 de febreiro en Palexco. 
